13/03/12

Concurso "Quen son estas mulleres?"


 Sofía Casanova (1861-1958)
 
Sofía Pérez Eguia y Casanova de Lutoslawski naceu en Almeiras (Culleredo - A Coruña) en 1861 e morreu en Poznan (Polonia) en 1958. Trasladouse moi nova, xunto coa súa familia, a Madrid para poder estudar. Casou en 1887 co profesor, filósofo e diplomático polaco Wincenty Lutoslawski, mudando a súa residencia a Polonia, viaxando cada ano a Galiza durante o período de verán. Combinou o seu traballo de xornalista co seu estudo de idiomas chegando a dominar oito linguas diferentes.
Viviu acontecementos como a loita das sufraxistas en Inglaterra, o desenvolvemento do sindicalismo, a formación do Partido Bolchevique, as dúas Guerras Mundiais e a persecución dos xudeus polo réxime nazi. Escribiu crónicas e opinou acerca de cada un destes episodios da historia europea. Colaborou en xornais como ABC, La Época, El Liberal, El Mundo, El Imparcial de Madrid, na revista Galicia, na Gazeta Polska e The New York Times.
No momento da fundación da Real Academia Galega no 1906, foi nomeada membro correspondente deste organismo e no ano 1952 concedéuselle por unanimidade o título de académica de honra.
Sofía Casanova só tivo fillas, o que motivou que fose repudiada polo seu marido. En 1917 traballou como cronista de guerra na fronte polaca e como enfermeira para a Cruz Vermella en Varsovia. Volveu a Galiza completamente arruinada e case cega. En 1938 visita A Coruña e a súa aldea por última vez.
Publicou novelas, contos, unha comedia, e mais de 1.200 artigos en xornais e revistas en Galicia, España e Polonia. A súa produción literaria foi moi prolífica,   poesía, novela, teatro, un libro infantil, comentarios sociais, culturais e políticos,  e artigos en publicacións galegas, españolas, hispanoamericanas e polonesas. Impartiu numerosas conferencias sobre a situación da muller e relacións internacionais, tanto en España como en Polonia, traduciu obras clásicas
Sofía Casanova manifestou e tomou partido nunha postura nidiamente pacifista e antibélica; a obra onde evidencia esta postura de xeito máis contundente é nas crónicas de Polonia e Rusia que ela, como correspondente de guerra, escribía para a prensa e que se publicaron reunidas no libro De la guerra no ano 1916.



 
BEATRIZ GALINDO
 (c.1465-1534)



Beatriz Galindo, chamada «a Latina» (c.1465-1534), foi a humanista máis coñecida, e probablemente das máis importantes, entre o grupo das chamadas "douta puellae", ou "mulleres sabias da corte de Isabel la Católica". Estás mulleres, baixo o impulso do Humanismo e o Renacemento, contaron coa actitude favorable á educación das mulleres mostrado por unha raíña que dispoñía dunha biblioteca de máis de 250 volumes e comezou a estudar a lingua latina con 30 anos, aínda que o seu labor sería prematuramente agostado polas ideas impostas pola Contrarreforma.
   Beatriz Galindo naceu nunha familia de fidalgos de orixe zamorana, anteriormente atesourada, vinda a menos. De entre as súas irmás, foi elixida para ser monxa, para o que os seus pais decidiron que tomase clases de Gramática nunha das institucións dependentes da Universidade de Salamanca. Mostrou grandes dotes para o latín, non só na tradución e lectura dos textos clásicos, senón que tamén era capaz, aos quince anos, de falar con gran corrección en latín. A súa fama estendeuse primeiro por Salamanca e despois por todo o reino e empezou a ser coñecida como «A Latina».
   Tivo especial interese en Aristóteles. En 1486, cando ía ingresar no convento como monxa, foi chamada pola raíña Isabel la Católica á Corte para que o ensinase latín. Na Corte non se limitou unicamente aos seus labores como preceptora, senón que a raíña tiña en moi alta estima os seus consellos.
   Casada en decembro de 1491 co capitán artilleiro e conselleiro dos Reis Católicos Francisco Ramírez de Madrid, tivo dous fillos, Fernán e Nuflo. Enviuvou en 1501, retirándose da corte e asentando a súa residencia en Madrid, no que hoxe é o Pazo de Viana.
   Débeselle a fundación do hospital da Latina (1506) e do convento da Concepción Xerónimo en Madrid (ao que legou a súa biblioteca) e atribúenselle poesías latinas e uns Comentarios a Aristóteles. Escribía poesía en latín e estudara teoloxía e medicina.
   O barrio de La Latina de Madrid toma o seu nome do alcume de Beatriz Galindo, pois foi o barrio madrileño onde viviu.


MARGARET E. ATWOOD

(1939)

Naceu en Ottawa en 1939. Prolífica poetisa, novelista, guionista para televisión, crítica literaria e activista política.
Empezou a escribir con 16 anos. Graduouse en 1961, na Universidade de Toronto como licenciada en filoloxía inglesa con estudos tamén de francés e filosofía. Fixo estudos de postgrao no Radcliffe College da Universidade de Harvard. Obtivo un máster en Radcliffe e continuou estudando dous anos máis en Harvard.

Impartiu clases na Universidade de British Columbia, na Universidade Sir George Williams en Montreal, na Universidade de Alberta, Universidade York en Toronto e na Universidade de New York.

Descríbena como unha escritora feminista, xa que o tema do xénero está presente nalgunhas das súas obras de forma destacada. Centrouse na identidade canadense, as relacións deste país con E.E.U.U. e Europa, os dereitos humanos, a liberdade de expresión, os asuntos ambientais, o conflito entre natureza e tecnoloxía, os mitos sociais sobre a feminidade, a representación do corpo da muller na arte, a explotación social e económica desta, así como as relacións de mulleres entre si e cos homes.

É membro de Amnistía Internacional e copreside Birdlife International, en defensa das aves.
Foi Príncipe de Asturias das Letras en 2008.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas