04/04/18

ENCONTRO CON VÍCTOR FREIXANES

     
       O vindeiro luns, 9 de abril, o alumnado de 1º de bacharelato do IES de Curtis manterá un encontro literario con Víctor Freixanes, o actual presidente da Real Academia Galega. A actividade, organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura, estará centrada na obra Cabalo de ouros (Galaxia, 2012).
   
      Curtisbiblio quere aproveitar a ocasión de contar cun persoeiro tan relevante da nosa cultura para realizar un achegamento á súa figura e á  institución que preside.



     Víctor Fernández Freixanes naceu o 24 de agosto de 1951 en Pontevedra. Estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela. Tras unha estancia en Madrid, traballou no  departamento de actividades culturais de Radio Popular de Vigo. Nesta época iniciou un intenso labor xornalístico en prensa, radio e televisión. En 1976 editouse o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos e en 1980 publicou Memoria dun fuxido.  Entre as súas novelas destaca O triángulo inscrito na circunferencia (1982) co que gañou o Premio Blanco Amor. Outros títulos salientables son O enxoval da noiva (1988), A cidade dos césares (1993) e Cabalo de ouros (2012).

 
      É catedrático  de Lingua Galega e Literatura,  cargo que ocupou nun instituto de  Bacharelato na cidade de Vigo; actualmente exerce como profesor titular na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Compaxinou a súa dedicación á literatura  e ao xornalismo coa tarefa de presentador do programa da TVG A Trabe de Ouro.  Tivo unha relevante presenza no mercado editorial como  director de  Edicións Xerais, do Grupo Anaya e da editorial Galaxia. 

       No ano 2004 entrou a formar parte da RAG e  no 2017 foi elixido presidente da institución.



     








Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas