Comezamos curso cunha boa nova para as letras galegas. O poeta Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) vén de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra Os ángulos da brasa.
O premio concedido polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte recoñece a calquera poeta dunha das linguas oficiais no Estado. Esta é a primeira vez que se concede a unha obra escrita en galego.
O poemario Os ángulos da brasa , editado por Faktoría K de Kalandraka, recibiu, entre outros galardóns, o Premio da Crítica Española, o da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega e o Anxel Casal da Asociación Galega de Editores.
O autor está considerado unha das voces máis sólidas da poesía contemporánea. A súa traxectoria está caracterizada pola discreción e pola pouca participación en acontecementos literarios. Despois de traballar moitos anos como xornalista, Torneiro deu a coñecer o seu primeiro poemario cando tiña xa cincuenta anos e publicou Memoria dun silencio. Na obra premiada afonda nunha poesía na que sobrancean as emocións interiores, a evocación de momentos cotiáns que toman forma poética.
Xosé Manuel Eiré, crítico literario que formou parte dun dos xurados que premiou a Torneiro, apuntou no seu blogue Ferradura que Os ángulos da brasa: “…É un poemario extraordinario, un poemario que logra ser emotivo sen deixar de ser reflexivo, unha ollada sobre a vida desde a altura dos anos e da experiencia, sobre a vida e o ser humano".
Parabéns ao autor e á cultura galega!
Ningún comentario:
Publicar un comentario