O 24 de febreiro de 1837 naceu en Padrón Rosalía de Castro. Celebramos hoxe, no Día de Rosalía, o
183 aniversario do nacemento da escritora máis universal das nosas letras. A
vixencia e intemporalidade da súa mensaxe faise patente un ano máis a través
dos seus versos. A temática escollida para o manifesto da Asociación de
Escritoras e Escritores en Lingua Galega (encargado ao escritor Daniel Asorey) céntrase na
problemática dos movementos migratorios. Curtisbiblio súmase á celebración e reivindica
a continuidade do discurso rosaliano. Reproducimos a continuación o texto do
manifesto:
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en
Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020
Ambos errantes
polo mundo andamos, dixo a muller. Daquela, as
xentes silenciadas, ás que lle roubaran ata as palabras, recuperaron o alento.
Fixérono de golpe. Souberon decontado o que eran, o que somos. Transmatria
errante nunha humanidade errante. Seres humanos que vagaron e vagan; que
pularon e pulan; que morreron e morren na procura do pan e da liberdade. Logo,
a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda a terra é dos
homes e das mulleres. Toda a terra.
Foi evidente entón que ela xa non
precisaba apelidos. Sería sempre Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar
dores e inxustizas. Errantes polo mundo.
A súa palabra inzou poderosa,
precisa, contundente. Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me
arrastran, afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e
os tránsitos nos fan humanos.
Si, Ambos errantes polo mundo
andamos! Elas e nós. Ti e mais eu. Nosoutres.
Camiñamos. Marchamos. Fuximos. E,
no medio do desamparo, da dor da partida, do mundo deixado e do degoirado,
Rosalía amosou o desconsolo de migrar e o afliximento de ficar. Tamén nos
aprendeu a ollar, a saber, a ser. Dende entón a nosa voz foi para sempre
palabra de muller. No éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo.
Velaquí talvez o inaudito.
Rosalía, unha daquelas que debían ser silenciadas pola forza, daquelas que
pretenderan enmudecer tantos deuses e leis dun heteropatriarcado opresivo,
ergueu a palabra libre e entregóunola. Será por iso que habemos ser unha
anomalía? Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que
nos iguala no camiño coas desposuídes. Ambas errantes polo mundo.
Mais que é de Rosalía agora?
Vivimos tempos duros, sen dó, nos que rexorden discursos de odio e medo.
Decotío, vemos homes que acenan carraxes co seu dedo. Berregan palabras de
ferro. As vítimas son sinaladas polos verdugos. No entanto, nesta transmatria
nosa conservamos armas lilas contra a desolación. Fabricounas unha muller con
versos irredentos. Vacinas contra a xenofobia que han formar parte do noso ADN.
Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio medre no corazón. Grazas a
Rosalía temos o sangue envelenado coa afouteza das que foxen. Infectado con
versos que denuncian e nos fan ser as outres. A miseria está negra en
torno deles / ai!, i adiante está o abismo!, dixo. Si, o abismo.
Cemiterios no mar. Refuxiadas. asasinadas. O silencio.
Cremos por iso en identidades
errantes, aquelas que elixamos nós. Ninguén ha decidir o noso xénero nin os
afectos. Ninguén nos ha retirar dereitos nin nos ha facer súbditas. Ninguén nos
ha expulsar de ningures, porque Rosalía instalou en nós a insubmisión de ser e
un futuro para soñar. El serán os seus versos un andazo? Insubmisión na
denuncia da violación e da violencia de xénero: que morden si acariñan, que
cando miran queiman/ que dan dores de raiba, que manchan e que afrentan. Insubmisión
contra o poder e o capital: Embargaránnos todo, que non teñen/ esas xentes
conciencia, nin tén alma. Insubmisión contra quen coloniza, contra quen
explota: déronlle fel por bebida/ peniñas por alimento.
É difícil imaxinarnos sen
Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou vivir sen auga. É difícil
entendérmonos sen nos saber errantes. Fagamos vivos os seus versos en cada
persoa que foxe, en cada ser humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que
decide o seu futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía
de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén somos nós.
Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo e sempre libres!
Daniel Asorey
Asociación de
Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#ErrantesPoloMundo_rdc_2
Ningún comentario:
Publicar un comentario