
Semella cousa de maxia que os libros garden tantas marabillas no seu interior: a emoción do inesquecible primeiro bico; a voz pausada e sabia do ancián da tribo; as conversas das mulleres que traballan arreo nos arrozais do delta do Mekong; os andares pousóns dos camelos, a avanzaren coa caravana polas areas do deserto; o espanto ante os perigos que a escuridade agocha, nun bosque inmenso ou no corredor da nosa casa; a soidade e as dúbidas de cando temos quince anos; as vidas de hai mil anos, cando o mundo era doutro xeito; ou as de dentro de mil anos, nun planeta que agoniza; a fascinación polas estrelas, que nos envían a súa luz desde os abismos do espazo-tempo; o desespero de sentirse só entre ríos dexente; o nacemento dunha persoa, a morte doutra; os seres máxicos e os deuses terribles…
Abrir un libro e deixarse levar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes… Unha maxia secreta e inesgotable, que a nós nos corresponde descubrir.
Agustín Fernández Paz
Ningún comentario:
Publicar un comentario