23/03/09

"Xoguetes para un tempo prohibido"

No medio da pista non quedaban xa máis que dúas parellas que aproveitaban a música cansa da peza final. Pouco a pouco o cheiro quente dos corpos deixaba paso ó ambientador con recendo a rosas, que ía baixando dende o corredor do piso alto, mentres nas escaleiras de saída un camareiro convencía con dificultade a dous borrachos que xa se cambiaran a chaqueta do smoking e os zapatos, e queríanse cambiar aínda os pantalóns tamén.

Entón un deles berrou me cago en el as de oros y en los huevos del rey de Portugal, e foi Ricardo Romero a dicirlle que por favor, que aínda quedaban señoras na sala. Mara ría hip hip hip e logo, botando o corpo para atrás, xirou o taburete de repente e pediu outro gintonic, por favor. Pero o barman xa saltara a axudar ó compañeiro que acaba de recibir un puñetazo na boca e comprobaba asustado que dos labios lle saía unha fontiña de sangue. Do fondo da pista empezaron a pedir: que lo remate, que lo remate. E mentres Ricardo facía xestos de calma, señores, compórtense como caballeros, sen que ninguén lle prestase atención, dende a porta dos servicios chegou unha voz ronca que se infiltrou por entre os ruídos das sillas, por debaixo dos berros, sobre o derradeiro compás da música, para quedar soíña un instante colgada no aire: caballero ti e a burra que te pariu. Foise cara a el e chimpouno contra a parede. Despois deulle co xeonllo dereito no ventre e ía baterlle na cabeza cando se meteron dous músicos polo medio e arrastrárono pola forza ó centro da pista. O outro saíu dobrado, farfullando algo entre os dentes, e subiu as escaleiras de saída baixo un coro de berros, asubíos e aplausos. Mara dixo up, Ricardo, up up up, e foise correndo a abrazalo. Alguén pediu música, e unha señora ascendeu descalza e tambaleante os tres escalóns do baldaquino que ocupaba a orquesta, colleu o micrófono e púxose a cantar Strangers in the night. E antes de que rematase, xa Mara empezou pasimisí, pasimisá por la puerta de Alcalá, e púxose todo o mundo a saltar, a bailar, a berrar... Logo veu a conga de Jalisco, a raspa, outra vez o pasimisí, o pasodobre España cañí, a ovejita lucera e polo río abaixo vai unha troita de pe.

Tamén veu un discurso de Ricardo no que rematou dicindo que auga pasada non moe muíño, o que lle serviu para entoar moe que moe moendo; cantou novamente a señora descalza, da que de seguida se correu que se chamaba Gela e que era pintora; os borrachos do comenzo acabaron por cambiar tamén os pantalóns entre os risos e os aplausos de tódolos asistentes; a casa invitou primeiro a champán e xa, despois das cinco, a chocolate con churros; un dos que berraban que lo remate que lo remate, apareceu cunha empanada de bonito recén saída do forno que se repartiu en tapas; outro imitou a Louis Amrstrong e a Frank Sinatra; tamén imitaron a Lola Flores; había un avogado que quería demostrar que era capaz de tocar o himno nacional inglés póndose co cu para riba e cos pes para abaixo, pero non o deixou actuar a súa muller, a quen a pintora lle chamou antipática de xeito cariñoso; dous irmáns xemeos tourearon de salón sen éxito; a imitadora de Lola Flores andaba a pedir uns pantalóns para facer o pino, pero non os conseguiu e acabouno facendo coa saia cosida cun imperdible; Mara bailou por sevillanas; a muller do avogado rompeu un vaso sen querer e estivo chorando máis de media hora; Ricardo bailou cun camareiro; Gela saíu despavorida do servicio de señoras dicindo que había un home dentro, e alá se foron todos, sacárono en calzóns e regáronlle a cara cun sifón; o imitador de Louis Amrstrong imitou tamén a Charlot; o animador da orquesta contou o chiste do home que chegou borracho á casa, sacou o ollo de cristal, meteuno nun vaso de auga, tivo sede de noite e bebeu sen se dar conta, pero ó día seguinte sentiu molestias en certo sitio (dicía certo sitio con voz aflautada) e chamou á muller: ai María mírame aquí por baixo que non sei que teño; e foi ela, achegouse para ver ben e... retrocedeu espantada: ¡Manuel, ti tes xente dentro!; a imitadora de Lola Flores animouse e contou o de Jaimito cando quere casar coa mestra; o regado con sifón dixo que el sabía un moi verde, contouno e regárono outra vez; Mara entoou un sargento del tabor de regulares; Ricardo seguiuna con su Santidad el Papa Urbano; o avogado ó que non o deixara actuar a súa dona, puido contar o chiste do negro que tiña plátanos nunha orella; o músico da trompeta dixo que coñecía a un señor da súa vila que era tan porco que tiña entre os dedos das mans esas pelotiñas negras que todos temos entre os dedos dos pes; un dos xemeos andou a catro patas, coa señora do avogado cargada ó lombo, e rinchaba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas