O sábado 23, ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña celebrarase a "Homenaxe á Cidade da Liberdade", un acto literario arredor da novela de Manuel Rivas, Os libros arden mal. A entrada é de balde.A boca da literatura e a da canción, as palabras e a música, a poesía e os tangos, entrelazan e levedan nunha conmoción sen tregua sobre o escenario. A fonte que inspira este encontro é a novela Os libros arden mal, de Manuel Rivas, que ten por escenario a cidade da Coruña. Desta obra, co gallo da súa publicación en Francia, o xornal Le Monde dixo que provoca no lector “emoción, asombro, marabilla e pracer”.O punto de arrinque desta “historia dramática da cultura” é un feito real, o da queima de libros que tivo lugar en agosto de 1936 nas proximidades da dársena coruñesa. Aquelas fogueiras tentaban queimar para sempre o corazón libertario da cidade. Porque se hai unha esencia fundacional da Coruña é o amor pola liberdade.Fronte a esa pulsión totalitaria, que trata de controlar o poder as mentes, resiste e xermola a enerxía do desexo e a re-existencia, a que se expresa a través da literatura, a música e a memoria das que o historiador Ranahit Guha chamou as “voces baixas” ou silenciadas da humanidade.Esta posta en escena conta coa participación de: Manuel Rivas (narrador), Marcos Meléndrez (voz tangos), Gastón Rodríguez (guitarra), Pulpiño Viascón (voz, gaita, serrucho). Está prevista a participación doutros músicos invitados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario