
"A edición deste libro ten o carácter dunha homenaxe dos galegos antifranquistas residentes na Arxentina, á memoria dos heroicos capitáns da loita do pobo galego pola liberdade, José Gómez Gayoso e Antonio Seoane, asasinados polo verdugo falanxista o 6 de novembro de 1948, na prisión provincial da Coruña", din dende a editorial. O volume inclúe as cartas escritas por eles dous no cárcere, amais doutros documentos coma as cartas de Manuel Ponte e Segundo Vilaboy; cartas dos guerrilleiros e os comunistas galegos a Dolores Ibárruri, Pasionaria, e unha ardente mensaxe desta á Galiza republicana e loitadora; un relato da proeza de Manuela Sánchez recollido por Jesús Izcaray; e tres traballos poéticos inspirados na loita antifranquista en Galiza, dun poeta guerrilleiro anónimo, de Rafael Alberti e de Raúl González Tuñón.
Na presente edición, de maio de 2009, inclúense unha carta, traducida ao galego, do médico Manuel Fernández López á súa irmá María Elvira Fernández López, muller de Luís Seoane; os poemas de Lorenzo Varela, "Manuel Ponte" e "Manuela Sánchez", do libro Lonxe (Ediciones Botella al mar, Bos Aires 1954); e os poemas de Luís Seoane "O pasado" e "Silencio", do libro As cicatrices (Editorial Citania, Bos Aires, 1959).
Ningún comentario:
Publicar un comentario