23/07/09

Poesía para o verán


Cando ela dorme
é un sabor
de laranxa
brava.
E o fume
do cigarro
doce como
nata montada.
Cando ela dorme:
un biscoito
despenado
na alba.

2 comentarios:

  1. Viladonele
    Escoitando o silencio
    mentres a tarde ponse de galiña
    vermella nas congostras
    e ladran teimosos os cans do país
    para que o sol gañe medo, mais non
    se amedrenta, vestido
    de laranxa polo fondo
    destes camiños cando pasan
    faladoras mulleres
    carretando felgos como promesas

    Aquí comezou todo
    ou pode ser a fin
    dun mundo que se asombra neste teixo
    ou remata nun camposanto gande
    para tan poucos veciños
    mentres un homiño estrambótico anda
    convicto da súa mágoa
    e bebemos auga dun pozo
    como quen bebe tempo
    parado nun recanto

    O Bico da Laberca
    alzándose no verde
    para que os días sexan lousa
    onde pisar as uvas do verán.

    ResponderEliminar
  2. MILICIANOS NA PONTE DE XUVIA (1940)

    Hai un xesto destes homes na foto
    tan fráxil como o tempo
    no carril do tranvía.

    E non engana o mauser, inservible nas mans
    en posición "descansen",
    e non engana a dor
    presente na moura nostalxia
    das dúas mulleriñas,
    caminantes no fondo desta postal antiga.

    ResponderEliminar

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas