30/04/10

De libros


Boísima resposta de Calveiro ao comentario que de Settecento fai Arume dos piñeiros no seu blogue: http://arumes.blogspot.com/
Quizabes onte non me expliquei ben ou o fixen dun xeito moi informal que non quedou moi elegante.
Marabíllame que un lector, neste caso rigoroso e espelido coma ti, sexa quen de atopar nunha novela miña algo que eu ignoraba que estaba a alí. E non falo dunha sinxela lectura senón da verdadeira reescrita que supón un texto coma o teu. Xa non lerei Settecento cos mesmos ollos de autor. Grazas por descubrirme a súa música secreta, unha melodía que eu non fun quen de escoitar cando a escribía.

8 comentarios:

  1. Finale vigués. Este libro debería ser devorado polos lectores se a literatura en lingua galega estivera plenamente normalizada. Debería ser un best seller, sen abonar este termo de ningún demérito. Porque á literatura galega cúmprelle ter un (ou varios) best sellers. E este está pedindo a berros lectores/as. Aproveito que o di o propio Alfaias, esoutra máscara: “Temos unha literatura á altura de calquera das peninsulares, con textos da máis variadas temáticas, calidades e rexistros. Hai un libro galego para cada un de nós. Só precisan un oco nos medios e nas librarías e que os lectores os achen e lles dean unha oportunidade, sei que non defraudarían aos moitos, que por desleixo, ignorancia ou prexuízos, non abren as súas follas”. Convén, pois, berrar, coa mesma voz dos gondoliere do libro de Marcos Calveiro, que aquí hai un libro extraordinario que está pedindo ser desfrutado. Porque contén todo o que o mundo lle pode pedir a unha novela fascinante: unha historia de apaixoante intriga, uns personaxes atractivos, unha estructura ao tempo ordenadísima e complexa, un estilo rico e cuidado, marca indiscutible da casa Calveiro, un dos escritores que mellor domina a lingua (ía dicir galega, pero para qué) e un final sorprendente que aquí non estou disposto a desvelar, a non ser que alguén me asegure unha viaxe en góndola polos canais do sestiere do Cannaregio mentres soa a música de Vivaldi polo ceo de Venezia e un spritz en man vaia lembrándome que hai paraíso nesta terra con forma de bocas que se morden ao bicarense en medio da lagoa véneta.

    ResponderEliminar
  2. Settecento é un tránsito. Coma o dos gramáticos, que levaba á mítica praza de Mazarelos, en costa e estreito, a carón da porta por onde entra precisamente Aldo Pietà en Compostela. O libro que comeza cun universo coral, de relacións múltiples e de escenarios abertos (as Procuradorías Novas, a Riva degli Schiavoni, a Fondamenta del Dose onde vive Vivaldi, o grande campo de Santa María Formosa), onde se citan as personaxes, vai camiñando aos poucos por canellas e por espazos máis íntimos, en correlato co proceso de búsqueda dos protagonistas dos seus desexos, da súa ansia. A medida que transita o libro por Venezia, os personaxes procuran a escuridade, o recuncho, a sombra, unha mínima cela onde aseguraren o seu destino. E nese recorrido, nese tránsito consúmese a novela, como unha fuxida constante dun pasado: o devalo da fama en Vivaldi, a opresión do orfanato en Caterina, a inxenuidade da adolescencia en Aldo, a pertencia a unha clase de Giacometto Casanova. Settecento conta con formas aparentes de trepidante aventura ese desacougo vital, coa mestura melancólica de quen funde o estático da cidade coa permanente auga que amuralla coa súa fuxitiva lámina a Venezia.

    ResponderEliminar
  3. Settecento é un labirinto. A pesar do gusto pola matemática e pola simetría das pezas, o estilo procura sinuosidades. Se cadra por contrarrestar ou por impulso natural do escritor, dominan as frases longas, con natural sentido do ritmo e da musicalidade (léase en alto o final da páxina 55) que viamos xa en Festina lente, tan admirable. Pero tamén é advertible esa metáfora do libro como labirinto. O espazo descrito na novela acaba recluindo ás personaxes, a todas a personaxes, que, vivindo no lugar onde procurar a gloria, rematan por verense necesitadas de escapar, de seren outros noutros lugares. E así se vai resolvendo a historia. Un labirinto que ten o seu cerne último na donna angelicata entregada ao orfanotrofio da capela da Pietà ao pe do Canal Grande, a carón xusto dos peiraos de descarga dos galeóns que cruzan o mediterráneo: velaí a paradoxa veneciana: que o núcleo do laberinto estea precisamente no punto de fuga, mesmo na única saída dunha cidade que carece de rosa de ventos porque ela é por si mesma un universo.

    ResponderEliminar
  4. Settecento é un concerto. É unha das súas características, a presencia non só da música, senón dunha banda sonora chea de sons, voces, ruídos, efectos especiais. Esta novela escóitase. Imposible lela sen sentir o son directo das personaxes ou da cidade. O son das campás, a lagoa enchida coas augas dos ríos que baixan dos alpes chocando contra os chanzos e as olgas, o lonxano eco das voces das cantantes della Pietà, o violín que se ergue no medio da capela, os berros e as pértigas dos gondolieri doblando unha onte ou o balbordo babélico dos estibadores da Riva degli Schiavoni. Semella un escoitar nesta novela o sorber das tazas de café no Florián cando cae a tarde. Os adagios, allegros e prestos dos títulos dos capítulos non deixan de ser unha pequena concesión ao lector ou lectora escasamente atento á música interna, ao concerto de sons particularmente audibles, deste libro.

    ResponderEliminar
  5. Settecento é unha cábala. A Venezia do primeiro ghetto -o lugar da fundición (o ghetto, en dialecto ou lingua veneciana) onde viviron (e viven) os xudeus, recluidos nun par de illas pequenas no medio do Cannaregio e comunicados co resto de Venezia só por unha ponte que se pechaba coa chegada da noite- non podía escapar á cábala, á interpretación completa e exhaustiva do universo. Settecento tamén busca unha certa orde, unha explicación dentro da aparente desorde. Así, a novela é matemática, rítmica. Que, por outra parte, creo que é característica do proceder poético de Marcos Calveiro. Allegro, adagio, presto, finale. Catro venezias caben no allegro. Catro venezias no presto. As páxinas así repartidas: [60-30-60]+20. Os capítulos, de semellante tamaño, os parágrafos do primeiro, de similar dimensión. No adagio compostelán o mesmo arranque do primeiro e do último capítulo, coa substitución do tempo: de chuviñento a solleiro. Coma en Festina lente, todo hai que dicilo, pouco ou mal entendido. A cábala é un proceso infinito. Todo está sometido a reglas perfectas, definidas. Pero non as sabemos. Calveiro conta a confusión coas ferramentas da simetría, da arquitectura narrativa.

    ResponderEliminar
  6. Settecento é un caravasar. Así como Venezia é un final de recorrido, a desembocadura de varios ríos, a sedimentación de varios pobos perseguidos, refuxiados en illotes que houbo que unir ao longo do tempo con milleiros de pontes, para logo ser cabeza de imperio marítimo e de esplendor comercial, Settecento é tamén a historia de varios destinos que conflúen. Como en Festina lente, asistimos á historia dunha aprendizaxe: se na anterior desde Pontedeume a Santiago, aquí desde as granxas de búfala na Campania ata os obradoiros de luthiers venecianos. E, nese mesmo pouso, ese personaxe de Aldo (non sei se unha homenaxe a Manuzio) aparece citado, por gracia de Calveiro, con Casanova, con Vivaldi ou coa memoria de Giordano Bruno, baixo as cordas desexadas dun Stradivarius. Este caravasar pleno de riquezas (que ás veces parecen pugnar por entrar na novela) é unha das marcas de Settecento.

    ResponderEliminar
  7. Settecento é unha Festa. Henry James, nos Papeis de Aspern, escribe que Venezia é coma un apartamento, con cuartos e pasillos; nunca sintes que estás fóra: daí procede a necesidade de enmascararse. Tamén é -como sinala Tiziano Scarpa, un dos mellores guías da cidade- unha cidade sen intimidade, onde todo resulta difícil ou imposible de agochar. Como “recíproca contigüidade celular” define o Brodsky o ateigamento veneciano no seu marabilloso Fondamenta degli incurabili. Como escapatoria desta doméstica existencia procede a necesidade de ocultamento, de ser ou de construír unha persoa, unha máscara. A commedia dell’arte é, con perdon dos bergamascos, creación veneciana; e o entroido acada naquelas prazas unha eminente categoría. Nese suposto apartamento concurrido, abigarrado, a única saída é a confusión, a festa. Para contala, con pulo de intriga e misterio, como quere Calveiro, é case obrigatoria a adopción dunha terceira persoa distante, pero controladora, porque calquera incursión ameaza por desvelar desvelalo nunca todo. Mesmo necesita (non é tanto unha invención como unha autoesixencia) fantasear unha personaxe, un monstro, un dos moitos que viven nas pedras de Venecia e que contempla (para outorgar distancia, incluso humana) os movementos desde o alto: “in questa città l’occhio acquista un’a autonomia simile a quella di una lacrima. Dopo un poco, il corpo comincia a considerarsi semplicemente il veicolo dell’occhio”, lembra Brodsky. A historia coral, colectiva, medida en cerimonias, mercados, esponsales, nun calendario pautado por feiras, pide unha fórmula narrativa que ubique ao lector un pouco arredado, como espectador ansioso da trama.

    ResponderEliminar
  8. Settecento é unha Fraga. A imaxe proxectada sobre Venezia como un bosque invertido (“sterminata foresta capovolta, stai passeggiando sopra un incredibile bosco alla rovescia”), xa que está sostida por milleiros de piares de madeira submerxidos, mineralizados, tamén vale para este libro de Calveiro. Así, Settecento é un bosque de personaxes, todos presentados no primeiro capítulo, pero só entrevistos, como se unha parte mergullada impedira coñecelos de todo. Incluso personaxes dos que algo sabemos antes de ler o libro, aínda que sempre baixo o fulgor do misterio: Charpentier, Casanova ou Vivaldi. Calveiro colócaos ao comezo como un dramatis personae, baixo o badalar das campás da basílica, baixo a basílica, como os puntais xa minerais que sosteñen a trama.

    ResponderEliminar

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas