11/04/11

Hoxe connosco: Rosa Aneiros

Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación impresos e dixitais, entre eles culturagalega.org (sección “Agardando as lagarteiras”), Diario de Pontevedra, El Progreso, Galicia Hoxe, Diario de Ferrol (a través da axencia AGN), El País, Grial, Fadamorgana ou Casa da Gramática, ademais do programa “Un día por diante” da Radio Galega. En 1999 presentou a súa primeira novela, Eu de maior quero ser á que seguiron Corazóns amolecidos en salitre (2002), Resistencia (Xerais, 2003, oito edicións dende a súa publicación), O xardín da media lúa (Galaxia, 2004), Veu visitarme o mar (Xerais, 2004), Ás de bolboreta (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro Xuvenil, 2009 e Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek), 2010 e Sol de Inverno (Xerais, 2009), Premio Xerais de Novela 2009 e Premio Fervenzas Literarias a Mellor portada adultos, 2009. Ten publicados relatos nos volumes colectivos Narradoras (Xerais, 2000); Relatos (1999), Relatos gañadores do Pedrón de Ouro 1998-1999-2000 (2001) ), Seis ferroláns (2003), Alma de beiramar perdida (2003), Botella ao mar (2003) ou Narradio (Xerais, 2003). Conta, ademais, no seu haber con recoñecementos como o Modesto Rodríguez Figueiredo (Pedrón de Ouro, 1998); o Manuel Lueiro Rey (1996); o Manuel Murguía (2001), o Carvalho Calero (2001), o Premio Arcebispo Juan de San Clemente (2003), o Premio Careón 2006 ou o Premio da Crítica Losada Diéguez (2005), ademais do Premio Caixanova Francisco Fernández del Riego en 2007 polo artigo xornalístico “A última vaca”. Os seus artigos literarios restán recollidos nos volumes Agardando as lagarteiras (culturagalega.org, 2003) e Ao pé do abismo (Xerais, 2007).

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas