23/06/11

AS HERBAS DE SAN XOÁN

Esta noite máxica desde os tempos máis remotos, e que coincide coa celebración do solsticio de verán (a noite máis curta do ano), ten na nosa terra unhas características moi especiais. É a noite do lume, das lumeiradas, fogueiras, cachelas ou cacharelas; da auga, reviven as propiedades das fontes santas e milagreiras, das nove ondas do mar (purifican e fecundan), do orballo; e tamén do mundo vexetal.

Esta noite as plantas acadan o mellor das súas propiedades curativas e máxicas. Por iso, as mozas recóllenas para poñelas nun caldeiro con auga. Alí teñen que quedar ó orballo da noite e pola mañán tódolos membros da casa, en especial os nenos, lávanse con esta auga milagreira.

Algunhas herbas varían segundo a zona, pero hai moitas que aparecen en todas elas.

Rosa Canina 



Rosa Canina. Tamén chamada roseira, silva macho, rosal bravo, rosal do demo... ademais do arrecendo, ten propiedades tónicas e astrinxentes para a pel.



  
 


Fento macho (Dryopteris filix-max), tamén fieito, dentebrun, dentabrón... Cóntase deste fento que bota 'flores' a medianoite de San Xoán. Estas servirán para facer feitizos. No 'Ciprianillo' cóntase que pondo un lenzo baixo do fento a mañán estará cheo de demos pequenos.
É velenoso, actúa como paralizante muscular.






 



Fiuncho (Foeniculum vulgare) fiollo, fionllo... Protexe do mal de ollo. Un saquiño con sementes axuda a conserva-la saúde. Para manter lonxe as carrachas hai que levar unha ramiña no zapato esquerdo. Ten propiedades diuréticas e dixestivas. Úsase para lava-los ollos e axuda á secrección do leite.






 
Herba Luisa (Lippia triphylla) verbena olorosa. Din que foi o costume de recoller esta planta ás doce da noite de San Xoán (as mozas casadeiras) a que fixo que o nome de verbena se extendese a tódalas celebracións nocturnas. Utilizábase para facer moitos ritos e feitizos amorosos. Ten propiedades dixestivas.




 
Herba de San Xoán (Hypericum perforatum), pericón, abeluria, espantademos... a crenza popular era que ó queimala na casa, espantaba os demos. "A herba de San Xoán limpa a cara de grans". É cicatrizante, antiséptica, astrinxente, diurética e antidepresiva.
 



Malva (Malva silvestris). As propiedades desta planta son ensalzadas en moitos ditos populares: "Cun horto e un malvar hai menciñas para un fogar", "Cun pozo e un malvar, boticario dun lugar". Serve para a tos, queimaduras, picaduras de abellas...






 


Codeso (Cytisus purgans) piorno, xesta, retama... Ten un aroma semellante ó do mel. Atribúenselle propiedades purgantes, diuréticas e tónicas para o corazón. Era planta sagrada para os druídas celtas. Coas súas ramas várrese a casa para purificala e protexela.

 







Romeu (Rosmarinus officinalis) alecrín, rosmariño... É unha das plantas máxicas, utilízase para purificar e protexer. Hai tempo queimábase cando había enfermos na casa. Oler a súa madeira conserva a xuventude. A súa esencia é tónica, estimulante, cicatrizante, boa para o reúma e fai crece-lo pelo.






 

Sabugueiro (Sambucus nigra), sabugueiro, bieiteiro, saúco...Os froitos chámanse tamén uvas de bruxa. É bo para as inflamacións, é sudorífico e calma a tos. As propiedades intensifícanse cando San Xoán os bendice (nesta noite). É moi usado para espanta-los sapos e serpes.










Outras prantas máxicas adornan esta noite as paredes das casas e as fiestras. Ás veces son engados que fan os mozos ás mozas, pero tamén teñen a intención de escorrenta-los demos.

 
Croque (Digitalis purpurea), estralote, estalote... Toda a planta é moi tóxica. Ten propiedades cardiotónicas, pero o manexo é perigoso. Onde medran os croques pénsase que é o lugar onde bailan meigas as noites de lúa chea. Tamén pendúranse nas portas das casas para espantalas.
 


Nogueira (Juglans regia), noceira, concheiro... Aparece en moitas receitas para curar as chagas do corpo (follas de nogueira con tres noces). É astrinxente e vermífuga. 











Torvisco (Daphne gnidium), trovisco, churvisco ... Ten propiedades antiinflamatorias e purgantes moi enérxicas. É unha planta moi perigosa.











Coas herbas recollidas na noite de San Xoán facíanse os "cachos", mellor con auga de sete fontes.

As herbas, atadas nun feixe, deixábanse nun caldeiro con auga, toda a noite, ó sereno (para a bendición do San Xoán). A mañán seguinte, lavábanse coa auga e gardaban as herbas que secaban ó sol, para logo usar como menciñas.

Curábase tamén ós nenos do enganido, fendendo en dous un carballo e pasando ó neno pola fenda. Interviñan dous Marías ou unha e un Xoán, decindo:
"Toma María. Daca Xoán. Doucho crebado. Darásmo sán". Atan de novo a árbore e se solda, o neno cura.
 
Tamén hai a crenza de que si as mozas meten as herbas baixo da almofada, coñecerán quen vai se-lo seu home.

Pendurando do leito as herbas de San Xoán, pódese sabe-la sorte dos ausentes. 

Tamén saltando as fogueiras, feitas con leña verde para afumar ás bruxas, pódese sabe-lo futuro. As mozas que salten ou "salven" a fogueira un número impar de veces, sen toca-lo lume, casarán dentro dun ano. Terán que face-la invocación:
"Dios te dou, Dios te criou, Dios che saque esta ollada se alguén cha botou. Antes que o mal sea visto, naceu Cristo. Morra este mal e viva Cristo"

A borralla da fogueira tirámola cara a un río decindo:
"Demo maldito vaite de ahí. Ahí vai a borralla de San Xoán atrás de ti. Dios te leve ó mar onde non cantou galiña nin galo. E a que cantou, levouna o diaño".


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas