Con todo o axetreo destas dúas últimas semanas, resultounos pouco menos que imposible contarvos que estivemos, os alumnos de Latín e Grego do noso IES, no Festival de Teatro Grecolatino, onde poidemos ver a traxedia Ifigenia, de Eurípides, e a comedia Cásina, de Plauto.
Ifigenia conta a dramática situación que vive Agamenón, ó verse na obriga de sacrificar a súa filla para que os deuses permitan que as naves gregas avancen cara a Troia, co fin de rescatar a Helena, raptada polo príncipe troiano Paris.
Gustounos moito o traballo feito polo CORO e polo CORIFEO, con grande forza dramática e cunha actuación realmente traballada.
Despois da catarse da traxedia, pola tarde tocou rir ben a gusto con Cásina. Dentro do formato da Commedia Palliata, poidemos ver en escea os seguintes feitos: o senex Lisidamo está namorado de Cásina, escrava que trae tamén de cabeza ó adulescens, o seu fillo. Este, coa complicidade de súa nai, deseña un plan para que o vello leve un bo escarmento: disfrazan a un criado, que se fai pasar pola moza cando el se dispón a deitarse con ela.
Acción trepidante, enganos, dobres sentidos, e referencias á actualidade fixéronnos pasar unha tarde ben entretida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario