O coruñés Manuel Rivas, un dos autores máis polifacéticos e galardoados do panorama actual galego, cultivou o xénero lírico (A desaparición da neve, Balada nas praias do oeste..), o ensaio (Galicia, Galicia) e a narrativa, con obras como O lapis do carpinteiro, Os libros arden mal , entre moitas outras. Escollín unha das súas novelas como obxecto desta recensión, a que leva por título Todo é silencio, publicada no ano 2010 en Vigo e levada ao cine por José Luís Cuerda.
Brétema, unha vila da costa galega, é o lugar elixido polo autor para tratar o tema do contrabando e do narcotráfico. Para abordalo utiliza dous planos temporais diferentes que coinciden coas dúas partes nas que se divide a obra. Na primeira, “O silencio amigo”, un narrador omnisciente relata a infancia dos tres personaxes principais durante a época franquista: Leda, Brinco e Fins. Estes amigos adicábanse a recoller as cousas que o mar traía ata a praia, unha gran metáfora da actividade coa que estarían relacionados no futuro. Tamén se dá a coñecer a figura do chamado Mariscal, o “xefe” do contrabando e que, na segunda parte, “O silencio mudo”, se converte nun capo do narcotráfico, xa despois do remate da ditadura. Así mesmo, Brinco e Leda forman unha parella, teñen un fillo e traballan para Mariscal, mentres que Fins se fai inspector de policía e loita contra a actividade que os seus vellos coñecidos levan a cabo.
En canto aos recursos utilizados, destaca a combinación do narrador en terceira persoa e do estilo indirecto libre na segunda parte da obra para realzar os pensamentos e sentimentos dos personaxes. O ton utilizado é coloquial, e está presente un forte simbolismo para resaltar certos elementos que o autor considera importantes, como a contribución dos emigrantes galegos nas Américas mediante a “Escola de Indianos”, o feito de que todo o mundo teña alcumes para achegar máis a historia ao ambiente do tráfico de drogas, o ascenso social grazas á cultura e á sabedoría... Do mesmo xeito, o propio título do libro é un símbolo da lealdade e do medo aos “capos” que mantiñan ao pobo e ás autoridades (Garda Civil, Igrexa...) en completo silencio.
Pola súa temática, podemos clasificar esta obra dentro da novela negra, xa que hai asasinatos, policías, narcotraficantes ... pero tamén hai unha certa dose de intimismo, posto que a dor por amor está presente ao longo de toda a obra. Exemplos significativos son o adulterio de Mariscal , a perda dun ser querido coma no caso do pai de Fins, que leva á súa nai á mesma loucura ou o vínculo amoroso da infancia entre Fins e Leda que se recupera ao final do relato. Esta última é tamén representante da “muller loitadora” que se rebela contra unha realidade dominada polos homes.
Se tivese que elixir un fragmento do texto, escollería este no que o autor fai unha pequena identificación coa nosa situación social e política actual, que tan só é aproveitable polos corruptos e prexudica ao pobo:“ Si, é o intre. Todos falan de crise! Os políticos están asustados, desacreditados(...) para a maioría son incompetentes e corruptos...” Por todo isto, recoméndolle a todo o mundo a lectura desta obra mestra, a partir da cal se reflexiona sobre a condición humana e o destino, que, en moitas ocasións, semella estar escrito.
Nuria Bello Barral
2º Bacharelato B
Ningún comentario:
Publicar un comentario