Agustín Fernández Paz é un dos escritores máis representativos da literatura galega. Nado en Vilalba no 1947, traballou ao longo da súa vida como profesor de primaria e de Lingua e Literatura en secundaria ata a súa prexubilación no 2008. É autor de libros de texto e de numerosas obras de literatura infantil e xuvenil.
Fantasmas de Luz, publicada no 2011, é unha historia cun profundo fondo de denuncia social, onde atopamos a metáfora como principal recurso literario. Está protagonizada por Damián e Marga, unha parella de idade madura. As súas vidas sofren un xiro radical ao recibir Damián unha carta do seu xefe que o citaba para darlle novas do inminente peche do cine Soñadores, lugar no que levaba traballado dende os dezasete anos. O paro marca as vidas desta parella, que pouco a pouco comeza a ver como os seus corpos se van volvendo transparentes, trocándose invisibles aos ollos do resto do mundo. Isto prodúcelles un gran desacougo que, nun comezo, intentan disimular con maquillaxe e roupas escuras. Porén, estes trucos van deixando de facer efecto, provocando unha profunda impotencia nos protagonistas, que, dalgún xeito, se ven excluídos da súa propia vida. Non obstante, este libro non é tan importante pola historia en si como pola simboloxía que atopamos se profundizamos un pouco nela. Trátase dunha crítica da sociedade capitalista, na que os protagonistas, ao verse no paro, comezan a ser insignificantes. A transparencia de Marga e Damián representa a todas esas persoas que non teñen voz nunha sociedade materialista na que prima o poder adquisitivo sobre os propios valores morais, aquelas que son apartadas porque non cumpren os patróns ou porque son diferentes. Unha sociedade na que os pobres pegan berros que ninguén escoita e os ricos son escoitados con tan só un murmurio.
A historia está narrada en terceira persoa e ambientada nunha cidade de tamaño medio na época na que os cines locais van perdendo pouco a pouco a súa importancia en favor dos centros comerciais; é dicir, é unha historia de actualidade. Quizais, o máis característico da mesma sexan as constantes referencias ao cine, aos grandes filmes estreados durante os últimos anos, que veñen completados cunha ficha técnica de cada un deles ao final do libro. Por todo isto, poderiamos dicir que se trata dunha obra de especial interese para aquelas persoas ás que lles guste o mundo do cine. Pero non é unha historia dedicada en exclusiva aos afeccionados ao cinema, a gran maioría da poboación podería sentirse identificada coas vidas dos protagonistas. Podemos dicir que esta historia foi escrita por Agustín Fernández Paz cunha intención ben clara: facer unha denuncia das desigualdades sociais do momento, recorrendo perfectamente á metáfora da transparencia dos corpos para representar á clase marxinada e excluída á que ninguén escoita. En definitiva, podemos dicir que Fantasmas de luz é un libro para todos. Para min, debería ser unha das obras máis relevantes dos nosos días, por estar máis vixente do que moitos podemos chegar a pensar e por facer reflexionar ao lector sobre un mundo no que resulta máis complicado do que debería que certas persoas se fagan notar e poidan sentirse parte dunha sociedade na que, teoricamente, todos os individuos somos iguais.
SONIA LÓPEZ VÁZQUEZ. 2º BACH B
Ningún comentario:
Publicar un comentario