Rosalía de Castro é hoxe unha das protagonistas na celebración do Día das Escritoras que organizou a Biblioteca Nacional de España. Outras mulleres honradas nesta xornada son Concepción Arenal, Gloria Fuertes, Carmen Martín Gaite, Santa Teresa de Jesús, Ana María Matute e Carmen Laforet.
Nesta homenaxe, que naceu cos obxectivos de visibilizar o traballo literario feminino e de combater as discriminacións, están convidadas a participar todas as bibliotecas de España.
Rosalía ten abordado a problemática da muller escritora en moitos dos seus textos. Destaca de xeito significativo a carta títulada "Las literatas" que lle enviou á tamén escritora, Eduarda Pondal. Nela Rosalía expón e valora os prexuízos sociais que dificultan ou impiden a dedicación das mulleres á literatura.
A bibioteca do IES de Curtis celebra a iniciativa da BNE recollendo un fragmento do prólogo de Follas Novas onde a nosa representante máis universal reflexiona ironicamente sobre a condición feminina e a súa capacidade para interpretar a realidade.
O pensamento da muller é lixeiro, góstanos como ás borboletas, voar de rosa en rosa, sobre as cousas tamén lixeiras: non é feito para nós o duro traballo da meditación. Cando a el nos entregamos, imprenámolo, sin sabelo siquera, da innata debilidade, e se nos é facil engañar ós espíritus frívolos ou pouco acostumados, non socede o mesmo cos homes de estudio e reflexión, que logo conocen que baixo da crara corrente da forma non se atopa máis que o limo insustancial das vulgaridades. E nos dominios da especulación como nos do arte, nada máis inútil nin cruel do que o vulgar. Del fuxo sempre con todas as miñas fórzas, e por non caer en tan gran pecado nunca tentei pasar os límites da simple poesía, que encontra ás veces nunha espresión feliz, nunha idea afertunada, aquela cousa sin nome que vai direita como frecha, traspasa as nosas carnes, fainos estremecer, e resoa na alma dorida coma un outro ¡ai! que responde ó largo xemido que decote levantan en nós os dores da terra.
Rosalía de Castro: Follas Novas (1880)
Ningún comentario:
Publicar un comentario