O único que queda é o amor... É a idea a transmitir e coa que eu quedo tras a lectura da trama de historias que Fernández Paz crea para demostrarlle a calquera que o lea o poder dese sentimento, o amor, unicamente coñecido por aqueles cuxas historias amorosas non remataron tan ben como algún día se esperou que o fixesen. O autor consegue o seu obxectivo poñendo en boca de narradores un tanto peculiares, inda que sempre moi humanos e vivos, como descubrirás durante a lectura, historias fermosísimas desenvolvidas en localizacións xeográficas e espazos invadidos de elementos característicos da nosa cultura e perfectamente recoñecibles por calquera, ademais de apreciados especialmente polo noso pobo.
Destaca a técnica narrativa da intertextualidade pola súa forte presenza. Maniféstase de diferentes maneiras, como por exemplo, realizando paralelismos entre protagonistas doutras novelas e incluso contos cos personaxes dos relatos, introducindo fragmentos doutras obras -en especial poéticas-, tomando ideas das publicacións doutros autores da nosa literatura e tamén da maneira máis habitual, mencionando títulos, unha gran cantidade deles, o que lle engade, segundo a miña opinión, riqueza á creación. Ademais, consegue que o lector se interese polas referencias feitas polo autor, un gran logro acadado de maneira moi intelixente, grazas a un dos múltiples xogos que invitan a descubrir páxinas descoñecidas e marabillosas.
O autor fala de formas de vida e promove a necesidade de ter ganas para vivila, de ter soños e non permitir que ninguén os pise, emprender iniciativas, sacrificarse polos nosos obxectivos, ter esperanza e ilusión, así como desexo de acadar éxitos. Incentiva a gozar da vida sobre a cal algún día xa non teremos opción de aproveitar ou deixar pasar sen máis, porque xa non nos pertencerá. É un libro que nos fai reflexionar sobre a nosa persoa, xa que é moito o que aínda ignoramos sobre nós mesmos e sobre os nosos sentimentos. E tocando todos estes aspectos, resulta case imposible que o lector non se sinta identificado en máis dunha ocasión durante a viaxe pola memoria e a imaxinación que nos invita a facer o mestre Fernández Paz. A min mesma me sucedeu, e cando me decatei de como imos pasar por este mundo sen deixar rastro despois de levar unhas vidas estúpidas, comprendín con rabia que na vida o único que queda é o amor.
Alicia Seoane Freire 2º BACH A
Ningún comentario:
Publicar un comentario