24/03/17

Sae a nova versión en galego da táboa periódica dos elementos

A finais do ano 2016 a IUPAC (International Union of Pure and Applied Chemistry) publicou a táboa periódica cos 118 elementos químicos con nomes e símbolos aceptados. Os novos elementos incorporados foron o nihonio (Nh, Z = 113), o moscovio (Mc, Z = 115), o ténnesso (Ts, Z = 117) e o oganesson (Og, Z = 118). Os nomes propostos derivan, respectivamente de Nihon, un dos termos cos que se denomina Xapón, sede do instituto Riken no que se desenvolve investigación nos elementos transuránidos; de Moscova, rexión rusa onde ten sede o instituto JINR de Dubna; de Tennesse, estado norteamericano onde teñen tamén sede distintos centros de investigación nuclear, e de Oganessian, científico ruso que dirixiu o laboratorio de Dubna onde se detectaron varios destes novos elementos. O grupo de innovación docente CienciaNOSA acaba de publicar a nova versión en galego da Táboa Periódica dos Elementos, que se pode descargar na páxina da RSEQ. Trátase dun traballo dos docentes Manuel R. Bermejo, Marcelino Maneiro e Ana M. González-Noya, que recolle estes novos elementos así como outras recomendacións recentes da IUPAC, como é o uso de lantanoides e actinoides en lugar de lantánidos e actínidos. Dende o grupo CienciaNOSA queremos agradecer o asesoramento lingüístico por parte de Xusto A. Rodríguez, responsábel da área de Terminoloxía da USC, e do profesor Manuel González, coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas