23/05/18

ANAGNÓRISE


      O pasado luns 14 de maio, os alumnos do IES de Curtis de 3º  e 4º da ESO asistimos a unha representación  teatral baseada no  libro Anagnórise, escrito por María Victoria Moreno,  a autora homenaxeada  este ano no Día das Letras Galegas.


       Tres profesoras deste centro acompañáronnos ó Auditorio de Galicia,  situado á carón da Facultade de Xornalismo en Santiago de Compostela. Despois de dar unha volta polo parque que rodea ao Auditorio entramos ao teatro. Alí, xunto con rapaces e rapazas doutros centros, puidemos contemplar a posta en escena de dous actores da compañía Limiar Teatro que nos ofreceron un “show” moi orixinal e innovador.


      O que máis nos sorprendeu do escenario foi a ambientación. Esta consistía nun teito e unha porta dun coche, ao lado do cal había  dous homes, un deles cunha ridícula perruca. Os dous actores explicaron ao principio que querían facer unha posta en escena  entretida, polo que acompañaron a actuación coa interpretación  de  diversas obras musicais cunha guitarra e un piano. Unha das escollidas foi a famosa banda sonora da película Titanic. Ademais  fixeron un resumo do argumento e realizaron unha especie de concurso de preguntas e respostas entre eles mesturadas con moitas bromas. Aínda que puidese parecer que a actuación non tiña moito que ver co libro, a verdade é que non foi así, xa que  explicaron detalles importantes sobre a obra, analizando o contido formal e as diferentes sensacións que a autora quería transmitir.

      Ao final da obra comentamos que tiñamos unhas expectativas un pouco limitadas sobre a actividade (pensamos que ía parecernos un pouco aburrida e seria),  pero resultou ser todo o contrario: foi  unha interpretación da novela cómica e  moi divertida.  A maioría estivemos de acordo en  definila como graciosa, orixinal e entretida.

                                               Nadia Fernández, Ainhoa Quintela, Yaiza Grandío e Juan Conde

16/05/18

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2018

          Leonardo Ríos  (4º ESO B) contribúe cun vídeo á homenaxe colectiva  a María Victoria Moreno que estes días percorre a Rede. Celebremos o Día das Letras gozando da  cultura na nosa lingua! 







 
Tamén, desde o espazo da biblioteca, facemos a nosa achega á homenaxe desta escritora, tan destacada nas nosas letras. 



15/05/18

ENCONTRO LITERARIO CON HÉCTOR CAJARAVILLE


O pasado martes 8 de maio visitounos o escritor Héctor Cajaraville. No encontro falamos de dous libros que o alumnado de 4º ESO  e  de 3º ESO do  Clube de Lectura Fendetestas lemos este curso: O segredo da casa de Formoso e  A caixiña dos rancores.


Dúas alumnas, Iria Bergantiños e Sabela Núñez, presentaron o acto facendo unha pequena introdución. Nesta resumiron a biografía e bibliografía do escritor, así como os galardóns que obtivo, entre os que destaca o Premio Xerais no ano 2015 pola obra  De remate.




O autor comezou falando sobre as razóns que o impulsaron a escribir e como se foi  apartando da súa profesión orixiaria, o xornalismo. Aínda que manifestou que a súa verdadeira vocación era, sen dúbida, a de escritor, tamén deixou claro que o xornalismo contribuíu a enriquecelo como creador. Todos quedamos sorprendidos ao coñecer a rapidez coa que o autor dos libros que leramos os escribira, feito  relacionado coa inmediatez coa que se lle requiría a entrega dos artigos xornalísticos.


Máis tarde convidounos a formularlle preguntas que fosen do noso interese sobre os seus libros, personaxes, inspiracións, aspiracións...  As preguntas foron moi diversas e as súas respostas moi interesantes. Soubemos que os dous libros tiñan outros títulos diferentes orixinalmente e como mesturaba lugares reais e ficticios nas súas narracións. Ademais descubrimos que se inspirou na súa nai ao crear a personaxe de Chiruca, á que el considera a verdadeira protagonista de A caixiña dos rancores. Comentou a importancia de dous dos temas sobre os que xiran as novelas: a memoria histórica e os casos de bebés roubados. Tamén nos falou de cuestións máis persoais como  a súa principal afección, o atletismo. Contounos que para el era un soño de infancia ser un atleta de elite.
 

A xeito de  conclusión, deberiamos destacar a proximidade que o autor mantivo durante todo o encontro, conseguindo achegarnos á actividade da creación literaria. Ademais demostrounos que é un home moi expresivo e polifacético, que loitou  por cambiar unha profesión que lle resultaba  insatisfactoria pola súa verdadeira aspiración.

Rematamos agradecéndolle o seu tempo e a súa amabilidade.




                                                                 María Couceiro (3º ESO B)

04/05/18

EXCURSIÓN DO CLUB DE LECTURA

      
      Como todos os anos os Fendetestas de Curtis fomos de excursión. Nesta ocasión visitamos o Museo Pedagóxico de Galicia. Velaquí a reportaxe fotográfica da actividade. A crónica completa no blog de Fendetestas.

EXCURSIÓN MUPEGA on PhotoPeach
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas