08/06/19

XII XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA


      O pasado venres 7 de xuño celebrouse en Santiago unha nova edición da  Xornada dos Clubs de Lectura que reuniu a case trescentos mediadores. Nesta ocasión puidemos asistir á presentación dun estudo realizado en varios clubs de lectura espallados pola xeografía galega onde se puxo de manifesto a grande calidade que teñen en común estes proxectos e o recoñecemento que esta iniciativa ten fóra das nosas fronteiras. 


     Continuamos a xornada coa entrega do  Premio dos Clubs de Lectura 2018. A galardoada  nesta edición foi a escritora e activista María Reimóndez, autora de obras como  O club  da calceta, Pirata, Fóra do normal ou Corredora. No seu relatorio titulado Inenarrables  fíxonos reflexionar sobre a invisibilidade ou os estereotipos relacionados coa presenza (ou ausencia) das mulleres na literatura.

     Ao longo de toda a xornada puidemos  intercambiar  experiencias con distintos mediadores de lectura, o que  contribuíu, sen dúbida, a ofrecernos novas perspectivas de enfoque para o noso traballo. Lecturas compartidas nos cárceres,  clubs temáticos, obradoiros de poesía ... foron algunhas das variadas ofertas do día.



      O punto final aos encontros púxoo a escritora Marilar Aleixandre cunha interesante exposición sobre a presenza da muller na ciencia a través da literatura. Un percorrido literario que nos levou dende autoras como Rosalía ( La hija del mar), Emilia Pardo Bazán (El encaje roto) ata Ángela Carter (A cámara do sangue),  Margaret Atwood ( O conto da criada),  Eva Mejuto (Memoria do silencio),  Berta Dávila ( A pel do mundo) sen esquecer obras da propia relatora como  Expedición do Pacífico ou A filla do minotauro. Unha interesante listaxe de suxestións que nos servirá sen dúbida para incorporar futuras lecturas onde se ofreza unha nova visión sobre o papel da muller na ciencia e, por extensión, na sociedade.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas