O pasado 24 de febreiro tivemos a oportunidade de asistir por medio dunha visita guiada virtual á exposición As miradas de Isaac. Conectamos por vídeo conferencia coa Cidade da Cultura para achegarnos un chisco á figura do empresario e artista Isaac Díaz Pardo. A actividade estaba organizada conxuntamente polos Departamentos de Historia e Lingua Galega. De xeito previo vimos un documental sobre a historia de Sargadelos e unha presentación sobre a vida e a obra do intelectual.
Recollemos algúns dos comentarios do alumnado de 4º ESO sobre a excursión virtual:
O que máis
me gustou foi coñecer a vida de Isaac Díaz Pardo e a da súa familia e tamén a
historia de Sargadelos. Impresionoume moito
o proceso de elaboración da cerámica.
Alba Tizón
A visita á
exposición sobre Isaac Díaz Pardo foi entretida, a súa traxectoria artística, a
vida que tivo que levar por non apoiar a ditadura franquista, os seus deseños
en Sargadelos… pero sobre todo interesoume moito a parte da charla na que nos ensinaron vídeos
del falando sobre o que lle pasara ao longo da vida, as súas crenzas e a
maneira de ver o mundo.
Anxela Roca
A visita foi moi interesante. As partes que máis me gustaron foron o taller de alfarería de Sargadelos e ver como como nas obras de Díaz Pardo había críticas moi sutís contra a ditadura.
Alan Seoane
A súa vida
non foi moi doada xa que tivo que pasar algunhas experiencias traumáticas pero
aínda así, dedicouse ao que máis lle
gustaba.
Importante a destacar da exposición son as súas pinturas, que expresan moitos sentimentos, pero sobre todo o graffiti que pintou na Praza do Obradoiro en 1936, no que defendía o Estatuto de Autonomía.
Ariadna Fernández
Foi unha charla moi interesante, o que máis me impresionou foi a vida tan dura de Isaac Díaz Pardo e, sobre todo, como se amañou para saír adiante, superar as dificultades e "estar vivo".
Jesús Ferreiro
O que máis me sorprendeu foi o que dixo nas súas últimas entrevistas falando sobre as redes sociais e o lixo, que nun futuro serían un problema para o mundo. Tamén me chamou a atención o punto irónico que tivo na entrevista cando lle preguntaron: Como se encontra? e el respondeu "vivo, encóntrome vivo"
Dalvin Familia
Isaac Díaz
Pardo é unha persoa moi importante para a cultura galega xa que a defendeu de
moitas maneiras. Foi un notable ceramista, pintor e intelectual galego entre
outros oficios. Tamén é importante remarcar o seu labor na recuperación da cerámica de Sargadelos
porque é parte da cultura galega.
O que máis me sorprendeu da súa vida foi que tivo que pasar 6 meses encerrado para non ser asasinado como seu pai pola súa ideoloxía; debeu de ser moi duro para el.
Sofía Vigo Ares
A súa vida non foi fácil xa que “pasearon· ao seu pai durante o franquismo pola súa ideoloxía, razón pola que Isaac se ten que esconder na Coruña durante meses.
Resucitou
a fábrica de Sargadelos, creou a editorial Edicións do Castro para reconstruír
a memoria histórica de Galicia.
Manuel Vázquez
A
charla sobre Isaac Díaz Pardo achegounos á figura deste artista tan
polifacético e importante para a a cultura galega e para a súa recuperación
durante o franquismo.
O que
máis me gustou, foron, sen dúbida, os fragmentos que nos puxeron do propio
Isaac falando, xa que foi unha persoa moi lonxeva e da que se conservan moitos
documentos de vídeo. A pesar de que na
visita non se afondou demasiado na faceta artística, chamoume moito a atención
o feito de que moitos deseños de Sargadelos se sacaran de lugares emblemáticos
de Galicia como, por exemplo, da igrexa de Monfero.
Nuno Couso
María Conde
Esta exposición gustoume,
porque ademais de coñecer datos curiosos sobre Isaac, puidemos apreciar algúns
dos seus cadros, carteis sobre o Estatuto de Autonomía firmados por el... A
todo isto pódolle engadir que me fixo ilusión, xa que como ben dixen antes,
Isaac foi un home moi importante para Galicia por moitos aspectos a destacar,
pero un dos máis salientables foi a renovación de Sargadelos, fábrica de louza
moi representativa de Galicia e, polo tanto, de todos os galegos.
Sara González
Ningún comentario:
Publicar un comentario