27/03/09
Mensaxe internacional de Augusto Boal
Unha das principais funcións da nosa arte é facer conscientes eses espectáculos da vida diaria onde os actores son os propios espectadores e o escenario é a platea e a platea, escenario. Somos todos artistas: facendo teatro, aprendemos a ver aquilo que resalta aos ollos, pero que somos incapaces de ver ao estarmos tan habituados a miralo. O que nos é familiar convértese en invisible: facer teatro, pola contra, ilumina o escenario da nosa vida cotiá.
En setembro do ano pasado fomos sorprendidos por unha revelación teatral: nós pensabamos que viviamos nun mundo seguro, a pesar das guerras, xenocidios, hecatombes e torturas que estaban acaecendo, si, pero lonxe de nós, en países distantes e salvaxes. Nós, que viviamos seguros co noso diñeiro gardado nun banco respectable ou nas mans dun honesto corredor de Bolsa, fomos informados de que ese diñeiro non existía, era virtual, fea ficción dalgúns economistas que non eran ficción, nin eran seguros, nin respectables. Non pasaba de ser mal teatro con triste enredo, onde poucos gañaban moito e moitos perdían todo. Políticos dos países ricos encerrábanse en reunións secretas e de aí saían con solucións máxicas. Nós, as vítimas das súas decisións, continuabamos de espectadores sentados na última fila das bancadas.
Vendo o mundo, ademais das aparencias, vemos opresores e oprimidos en todas as sociedades, etnias, xéneros, clases e castes, vemos o mundo inxusto e cruel. Temos a obriga de inventar outro mundo porque sabemos que outro mundo é posible. Pero atínxenos a nós construílo coas nosas mans entrando en escena, no escenario e na vida.
Asistan ao espectáculo que vai comezar; despois, nas súas casas cos seus amigos, fagan as súa obras vostedes mesmos e vexan o que xamais puideron ver: aquilo que salta aos nosos ollos. O teatro non pode ser soamente un evento, é forma de vida!
Actores somos todos nós, e cidadán non é aquel que vive en sociedade: é aquel que a transforma!
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas
Ningún comentario:
Publicar un comentario