23/10/10

Por Carlos Aymerich. Portavoz parlamentar do BNG

“Seus fillos son uns fracasados, persoas irrecuperábeis para esta sociedade, pensan vostedes que podemos gastar recursos públicos neles cando desaproveitaron as oportunidades que se lles deron?” Quen así se despacha, diante de pais e profesores que lle reclaman a abertura do primeiro curso do ciclo medio de FP de electricidade no IESP de Curtis para o que hai alumnos matriculados, é o señor Mira Lema, director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Os aludidos son rapaces e rapazas cuxa única culpa é querer estudar e formarse e facelo na súa comarca e profesores con vontade de traballar, cuxo único pecado foi o de animar aos rapaces a se matricular no centro. “Secuestradores de alumnos”, na versión do bizarro director xeral. Desde o pasado luns un grupo de pais e nais do Instituto de Curtis están pechados no centro. E seguirán até que a Consellaría abra o ciclo de electricidade. A situación no IESP de Curtis reflicte ben a verdadeira face da austeridade do PP. Unha falsa austeridade agravada nuns orzamentos para 2011 carentes de estratexia para combater a crise, que aplican un recorte brutal ao gasto social e que teiman no reparto inxusto da carga tributaria: renúnciase a actuar sobre o tramo autonómico do IRPF para incrementar os tipos aplicábeis aos rendimentos máis altos ao tempo que se introduce un novo imposto sobre a auga que van pagar mesmo os que se abastecen de pozos particulares ou traídas comunitarias. Recortan 1.177 millóns de euros a respecto de 2010. E o reparto destre recorte ilustra as prioridades de Feijóo: o 40% do recorte, 476 millóns de euros, perpétrase nas políticas sociais. Haberá 183 millóns menos en Sanidade, 157 menos en Educación, 65 menos en Vivenda, 38 menos en Servizos Sociais e 32 menos en Emprego malia prever a propia Xunta que o paro medrará en Galiza un 2% en 2011. Máis 20.000 desempregados máis a sumar aos 40.000 que Feijoóo xa producíu desde a súa chegada ao Goberno. Outro 23% do axuste, 269 millóns, afecta ás políticas económicas e sectoriais: 126 millóns menos para o Medio Rural, 55 menos para Desenvolvemento Empresarial, 26 menos para Turismo, 24 menos para Pesca, 19 menos para Industria e 10 menos para Comercio a sumar aos 20,5 millóns (un 2% do recorte total) que a Xunta do PP minora en I+D+i e aos 56 millóns (un 5% do tesoirazo) que se lle resta a Lingua e Cultura.
Á vista destes dados caben poucas dúbidas de que o pulso que pais, nais, alumnos e profesores están librando en Curtis coa Xunta do PP vai alén dun ciclo formativo. Faise en nome dos trescentos profesores que a Xunta suprimíu este ano no ensino secundario, dos coidadores e pedagogos que faltan, dos alumnos amoreados nas aulas por riba do ratio legal, da supresión de ciclos, itinerarios e optativas. Faise, pois, en nome da defensa do ensino e dos servizos públicos en xeral. Por iso a Xunta do PP non vai ceder facilmente. Por iso os pais e nais de Curtis precisan de todo o noso apoio porque a súa batalla líbrana en nome de todos.
Ligazon ao texto no Xornal
Na Voz de Galicia


 Na imaxen Fátima Sanchez, Sara Rendal , Rita García, ex alumnas do centro na XVII Semana Cutural nos falaron de Inmortales y perfectos

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas