No proceso de simplificación e imposición da demagoxia do discurso público e privado é evidente que non caben os matices. A paleta de cores dos lapis de labios multiplicouse ata o infinito e máis alá pero nas versión e interpretacións da realidade reducimos o pantone ao branco ou negro, sen posibilidade de diferenciación de grises. Así pois, todo –ou nada– vale. Porque baixo o paraugas e a escusa da crise económica aceptamos todos os discursos e explicacións sen a mínima crítica e coa submisión como bandeira. Nun dos lemas dos indignados aparece a consigna “Todas as vosas bandeiras son made in China” e, xa que logo, morra o conto.
Nós, os xornalistas
Así, nós os xornalistas, os que superamos a máis alta nota de corte para entrar na universidade pública, os que presumimos durante anos da admiración social e pasamos en apenas unha década a ser das profesións máis recoñecidas ás máis vilipendiadas. Nós, que por xuntármonos nas roldas de prensa con quen ostenta o poder político e económico chegamos a considerarnos como parte deles e non somos máis que os peóns prescindibles da partida, borralla dun xogo que se disputa en altas esferas. Nós, que vivimos cada día a infravaloración do noso traballo e quedamos reducidos a ese espazo que encher no que tanto vale un Control+C Control+V como unha información preparada, analizada e escrita con todo o rigor e as pautas marcadas pola profesión. Nós, que vemos como se reducen drasticamente as redaccións e aumentan os postos directivos. Nós, que sabemos que o traballo de toda unha semana –de sete días con cadansúas dez horas laborais– vale o mesmo que unha columna de opinión dunha chamada “pluma de prestixio”. Nós, que cobramos os que menos e curramos os que máis. Nós, que abrimos titulares con cifras económicas, índices de estrés, activos tóxicos, primas de risco e informes de consultoras privadas que non entendemos pero, dado que temos que facer outras sete ou oito pezas informativas sobre os temas máis variados, tampouco temos vagar para aprender. Nós, quen nunca somos noticia e estamos a ser os principais damnificados desta máquina apisoadora de dereitos chamada crise.
Nós, os entrevistados
Así nós, os entrevistados, os que sempre temos que ter sorriso na boca e palabra para un micro aceso. Nós, quen debemos falar e falar aínda que saibamos que logo a información que alguén redacta sobre ti caerá porque entrou unha necrolóxica ou porque unha derrota deportiva vale máis ca calquera información de índole cultural. Nós, que vemos como cada día muda a persoa que nos entrevista e a bagaxe cultural dos profesionais non ten ningún tipo de valor para a empresa. Que os maiores esforzos dos xornalistas acaban sempre na papeleira de reciclaxe porque calquera voda de Hollywood ten máis atención cunha iniciativa propia. Nós, que vemos como traducen sistematicamente as nosas palabras “xa sabes, política da empresa” e como o traballo dos xornalistas que nos escoitan nunca ten o lugar que merece nunha páxina. E, aínda por riba de teren que facer o esforzo de nos entrevistar, teñen logo que pedir desculpas porque o noso tempo –e por suposto o deles– non vale un peso fronte a unha noticia de tan magno calibre como é a separación dun cantante.
Nós, os consumidores
Así nós, os lectores que papamos o que nos boten. Que dende que a rede nos ofrece contidos de balde navegamos por titulares sen afondar o máis mínimo nas informacións, que tanto nos ten se está asinada por axencias, se é un copia-pega, ou unha información rigorosa realizada por un profesional. Nós, que nun alarde de estupendismo, aplaudimos o pirateo, criticamos a Lei Sinde e gabamos a TDT sen termos en conta o empobrecemento non só económico senón de prestixio social dos creadores. Sen reparar en que esta ampliación da oferta non repercute na ampliación da pluralidade informativa senón que se cingue á maximización de altofalantes dos mesmos grupos que copan o mercado e inviabilizan outras alternativas. Que permanecemos impasibles ante a terrible diminución da liberdade de información e opinión á que nos someten e confundimos liberdade de expresión coa suba de decibelios nos tirapuxas dos programas do corazón. Que non nos preocupa o máis mínimo que xa non teñamos medios diarios onde ler na nosa lingua. Que os libros, as noticias, as películas, a música, o teatro... todo ten que ser de balde pero, ollo, non subvencionado. Que nos fartamos de criticar as subvencións ás industrias culturais e botamos foguetes cando nos subvencionan a compra do coche, do piso, dos zapatos ou dos libros, só os de texto, claro. Nós, que non entendemos nin papa dos titulares económicos –como tampouco o entenden os xornalistas que nolos contan– pero aceptamos que a situación económica é gravísima e que todo vale, sexan despedimentos, peches, crebas e embargos.
Nós que somos tan chulos que criticamos con máis forza a outro traballador con máis dereitos laborais recoñecidos –especialmente se son do ámbito público, gran pandeiro onde zoupar– que os pingües beneficios da banca que primeiro rescatamos e agora nos abafa; do empresario que a pesar da crise multiplicou por dez o seu posto no número de máis ricos do mundo; daquel que xestionou beneficios pesimamente con investimentos millonarios ou puro lucro persoal e agora ofrece as cifras de perdas da empresa para xustificar o despedimento dos traballadores, quen nunca cobran máis nas boas pero sempre apanda nas malas. Nós, que traballamos en negro, defraudamos a Facenda e aínda presumimos diso, que contratamos a inmigrantes para nos axudar na casa e agora botamos pestes dos de fóra que veñen roubarnos o posto de traballo e reclamamos que se vaian indo. Nós, que contemplamos fuxir os profesionais cualificados e non aceptamos que como man de obra descualificada sempre haberá alguén no mundo, desgrazadamente, máis barato ca nós e nunca poderemos competir en miseria. Nós, que mercamos en multicadeas internacionais e nunca investimos no propio, non vaia ser que nos tachen de proteccionistas ou, peor, nacionalistas!, que non hai nada peor no mundo que non ser global e criticar as leis do libre mercado. Que todos somos tan internacionalistas que preferimos consumir un tomate marroquí, madeira brasileira, leite francés, roupa india, mobles suecos ou carne arxentina ao que creamos e cultivamos ao pé da casa. Porque, que carai, así somos máis cidadáns do mundo aínda que a nosa pegada ecolóxica sexa profunda como os nosos desvelos por chegar a fin de mes. Que que o mundo acabe tanto ten porque xa non estaremos aquí para velo. Nós, que cuspimos a nosa indignación nos bares e pasou o día e pasou a romaría.
Nós
Así nós, nos tres elos da produción informativa –fontes, mediadores, consumidores– bradamos uns contra outros namentres os responsables desta crise non están precisamente sentados na nosa mesa. E temos tanto traballo e gastamos tantos esforzos en nos mirar de esguello e situármonos á defensiva que non reparamos en quen nos trouxo ata a aquí. En quen segue a beneficiarse en tempos de crise, en quen manexa os nosos aforros e o noso salario como mellor lle convén. E eles refregan as mans desde os seus poleiros –dende os consellos de administración ao Consello da Xunta– porque o rédito económico e electoral está a ser incalculable, nin nos seus mellores soños apostarían por algo así. A maior asoballamento, maior submisión. E botan balóns fóra cunha alegría que apampa, eludindo toda responsabilidade porque baixo a escusa da crise todo vale. Vale permitir que pechen os medios en galego e sufragar a mans cheas a outros. Vale a chantaxe de cartos –xa non subvencións senón partidas que cómpre rañar moito para dar con elas– a cambio de silenciar noticias, nunha época na que o tamaño do titular é inversamente proporcional á cantidade que pagues por un espazo publicitario ou un convenio. Vale financiar encontros literarios en Galicia coa total ausencia da literatura galega e renunciar ás partidas para apoio das traducións ao noso idioma, limitar o gasto en libros de bibliotecas públicas ou actividades dos clubes de lectura. Vale reducir ao mínimo un festival como o Vía Stellae con concertos pequenos e cabida para grupos galegos e deitarse nos brazos de grandes intérpretes de sona mundial que nun só concerto gastan o que un festival repartido por toda Galicia. Vale cuspir e denunciar por diante as altas subvencións ás industrias culturais e enterrar en cartos por detrás aos concesionarios de coches. Vale investir millóns nunha visita do Papa e logo poñer cara de parvos cando non chegan os cartos para pagar as nóminas dos traballadores. Pero, claro, se son funcionarios que se amolen, que tamén fichan para iren tomar o café e rascan todo o día na barriga. E podemos baleirar de contidos e recursos os servizos públicos –educación, sanidade, xustiza, seguridade–, deixándoos nunha presenza nominal porque quen teña cartos xa o pagará –educación, sanidade, xustiza, seguridade.
E todos –nós, eles– aplaudimos sen asumir ningún tipo de responsabilidade porque xa se sabe, a crise, que mala é e que malos son os mercados, ese ente anónimo que non votamos pero todos os días nos amola un pouco máis a vida.
Claro, a culpa, tan só dos mercados. O resto?, tan só vítimas inocentes e sen ningún tipo de responsabilidade do que nos sucede, a expensas dun titular que non entendemos nin ninguén se molesta en explicar. E así estamos, seica indignados, cando a máxima expresión da nosa responsabilidade como falantes, como cidadáns, como consumidores, como traballadores, como pacientes, como votantes é berrarmos de modo autocompracente:
Maldita crise, a culpa toda é dos mercados!
Así nos vai.
A Nosa Terra 29.06.2011 | 13:11
Ningún comentario:
Publicar un comentario