01/07/11

Comunicado da RAG ante a desaparición de Galicia Hoxe

A Real Academia Galega fai, por segunda vez dende a súa creación en 1906, un pronunciamento público no que reclama aos gobernantes o cumprimento das súas obrigas. Reproducimos a seguir o seu comunicado:

O peche de medios de comunicación, un empobrecemento colectivo

A Coruña, 30 de xuño de 2011

Perante o peche de Galicia Hoxe, xornal de información xeral, escrito na súa integridade no idioma galego, a Real Academia Galega considérase na obriga de expor ante a opinión pública e as institucións de Galicia unha chamada de inquietude, alerta e responsabilidade:

1. O devandito peche de Galicia Hoxe non é un feito illado, senón que vén precedido da desaparición doutros medios do espazo de comunicación en galego, sinaladamente o xornal dixital Vieiros e as revistas A Peneira e A Nosa Terra, de información xeral. Todos eles, algúns dos poucos e principais vimbios que termaban dun espazo de comunicación na lingua propia de Galicia.

2. Estamos, pois, ante algo máis que un síntoma preocupante ou que un "dano colateral" producido como efecto da crise económica. A concorrencia de peches ten a dimensión dun devalo brutal, dunha catástrofe no espazo da comunicación, que afecta á supervivencia e espallamento do idioma de Galicia, que limita a imprescindíbel pluralidade nunha sociedade democrática, que supón unha perda empresarial e empobrece e pon en precario, aínda máis, a situación dos profesionais e traballadores no eido xornalístico.

3. Os bens e medios de comunicación son un elemento basilar no uso público dunha lingua e a historia da normalización do galego a través dos xornais ofrécenos unha cartografía na que nos situar no mundo. Porque os medios de comunicación son un baremo decisivo para medir o estado xeral dunha sociedade, do seu apagamento ou da saída á luz. Cando un xornal se silencia, cando son varios os que se acalan, é a sociedade e o país enteiro o que pode ficar ermo, sumido nun foxo histórico anacrónico, sen pulso de liberdade.

4. As institucións públicas, e nomeadamente o Goberno galego, non poden quedar pasivas ante este devalo, que ten tan graves consecuencias en todos os eidos, no futuro lingüístico e cultural, mais tamén no social, empresarial e dos dereitos democráticos. O Goberno galego, co resto das institucións políticas, non pode adiar máis as súas responsabilidades. Ten que desenvolver e regular de xeito transparente as obrigas que se derivan do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística e do Plan xeral de normalización da lingua galega, que declara explicitamente como un dos seus obxectivos o de iniciar un proceso de incremento anual e constante do uso do galego nos medios de comunicación públicos e privados que supere a actual situación de marxinación e de confinamento no eido cultural. As prestacións, a publicidade, as subscricións, e outros recursos públicos, deben distribuírse con rigor e xustiza, de xeito claro e con supervisión de organismos independentes, tendo en conta sempre, como un valor engadido, o apoio ao uso do idioma galego. Por ser unha esixencia legal democrática, ao estar nunha desigualdade de condicións históricas.

5. A RAG, tal como fixo no 2001, co texto "Propostas da Real Academia Galega ao Goberno e mais ao Parlamento de Galicia", elaborará un novo informe que afonde nas causas e posíbeis solucións ante o devalo do espazo da comunicación en Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas