A empresa acordou iniciar unha nova etapa pechando a súa edición en papel coa fin de potenciar a información na web mantendo a súa aposta por reforzar os valores asociados á liberdade de expresión e de pensamento, dende a máis absoluta independencia.XORNAL.COM
Xornal de Galicia iniciará este xoves unha nova etapa na que centrará o seu esforzo informativo e comercial na súa edición dixital, Xornal.com, coa fin de destinar mellor os seus recursos técnicos e o seu gran capital humano. A empresa acordou iniciar unha nova etapa pechando a súa edición en papel coa fin de potenciar a información na web mantendo a súa aposta por reforzar os valores asociados á liberdade de expresión e de pensamento, dende a máis absoluta independencia.
Xornal.com, que cumprirá o vindeiro mes de novembro 13 anos na rede, manterá o seu compromiso con Galicia e a súa liña editorial como periódico progresista e galeguista, a mesma coa que naceu como primeiro diario dixital da comunidade e que transmitiu na súa saída como medio impreso en decembro de 2008. A crise específica que atravesan os medios de comunicación, a crise económica global e a falta de apoios institucionais obrigaron a Xornal de Galicia a adoptar esta decisión, necesaria para continuar ofrecendo aos seus lectores información con rigor e calidade. A edición en papel, que axudou a consolidar Xornal como un diario referente na esquerda galega, dá paso a unha nova etapa co obxectivo de seguir gañando lectores e influencia.
Dende a saída de Xornal de Galicia aos quioscos, Xornal.com mellorou a súa posición e consolidouse como o cuarto periódico dixital de información xeral en Galicia. Ademais, incrementou a súa audiencia en internet logrando situarse por primeira vez entre as 1.000 páxinas máis visitadas de España a finais de 2010. Esta posición mantívose de maneira continuada neste ano 2011, de maneira que na actualidade se sitúa no posto 858 do ranking estatal elaborado pola auditora Alexa. Nos seis primeiros meses de 2011 Xornal.com aumentou un 18% as súas visitas, ademais de medrar un 16% os seus usuarios únicos, segundo Google Analytics.
Xornal de Galicia agradece todo o apoio decidido dos seus lectores e subscritores e o firme compromiso dos seus numerosos colaboradores.
XORNAL.COM 02/08/2011 - 22:24 h
Ningún comentario:
Publicar un comentario