A Xunta, a través do Consorcio Audiovisual de Galicia, presentará o vindeiro luns, día 12 de decembro, en París o catálogo 'Films from Galicia', que recolle a produción audiovisual galega de 2010, 2011 e proxectos consolidados para realizar en 2012.
Esta iniciativa terá lugar en 'Le festival d'un jour', unha actividade que promove a asociación Espagnolas en París, en colaboración co Instituto Cervantes, o Instituto da Cinematografía e as Artes Visuais (ICAA) e a cadea Cinema+.
Segundo detallou a Administración galega, o catálogo 'Films from Galicia' está organizado en catro apartados como longametraxes de ficción, documentais, animación e produtos para televisión. A publicación distribuirase nos mercados de referencia nos que participa o Consorcio Audiovisual de Galicia e, ademais, habilitarase unha versión dixital na web do ente que será presentada en xaneiro.A acción que levará a cabo este luns en París pretende a difusión do catálogo entre distribuidores de cinema franceses e prensa especializada do país. Durante o festival tamén se proxectará a película Os Crebinsky, protagonizada por Miguel de Lira e Luís Tosar, tras a cal, a Banda Crebinsky, responsable da música da peza, ofrecerá un concerto.
Fonte: GaliciaHoxe.com 11-12-2011
Ningún comentario:
Publicar un comentario