20/11/13

PARA LER LITERATURA POPULAR NAS AULAS

                    A semana do 4 ao 8 de novembro estivo adicada, a proposta da  Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, á literatura popular e tradicional (contos, lendas, cancións, romances, refráns…) . O equipo da Biblioteca Sarmiento elaborou nestas últimas semanas un material para que , desde as titorías, se dean a coñecer ao alumnado textos ligados ó pobo, ós costumes, ás tradicións…

                   

    Recollemos manifestacións de diferente orixe (galegas, castelás, clásicas…) e tipo (relatos relacionados con mitos, lendas, romances, refráns…) para que os rapaces as lean e interpreten na aula. A tarefa que propoñemos é de comprensión: ler para entender, para saber máis e para coñecer con maior profundidade a realidade próxima e a que existe máis lonxe do aquí e do agora. Queremos, tamén, con esta proposta,  concienciar aos nosos rapaces de que a literatura non sempre nace e se transmite de xeito escrito,  de que un texto pode ter moitas variantes ou mesmo  de que ás veces, os autores cultos beben en fontes orais e populares.  


                  
        Resumos orais, busca de temas, presentación doutros relatos ou refráns traídos dos fogares... son actividades que se poden realizar con facilidade tomando como base os textos e vídeos que se proporcionan ( boa parte do material recóllese na pestana creada ex professo na parte superior do noso blog). Detrás do noso traballo, latexa a ilusión de todos os días: camiñar, da man da literatura, polas infinitas posibilidades da realidade e da fantasía.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas