24/04/14

Recomendacións lectoras: Criaturas de Roberto Vidal Bolaño



“A emoción máis antiga e máis intensa da humanidade é o medo e o máis antigo e máis intenso dos medos é o medo ao descoñecido”. E o mellor desta obra é que nos amosa que é o máis coñecido do que deberiamos ter medo. Publicada en 1999 e estreada no 2000, esta obra de Roberto Vidal Bolaño (autor homenaxeado nas Letras Galegas 2013) volve producir a sorpresa no lector e tamén a necesidade de reflexión sobre a sociedade na que vivimos e a xente coa que convivimos.
Nesta obra, o Frankenstein de Mary Shelley chega a unha realidade na que o ilóxico reina; na que o normal é el. Logo de arrincar o corazón á rapaza á que amaba (pois aínda non sabía da posibilidade do amor non correspondido), a Criatura comeza a reflexionar sobre o que acaba de facer; e é durante este melancólico paseo de cavilacións no que o noso Frankenstein se decata de que el non é o monstro destas historias: os monstros son os que o crearon a el, os que se cren máis ca el. Os seres humanos.
A muller que desexaría que a matasen (pois considérao o mellor exemplo de amor); a vella que nin dá nin deixa dar; o egoísta que daría todo o que ten polo sombreiro dun “jodido intelectualillo”; a enloitada polo pai encerrado no centro de maiores; o home que lle regala un casco de motorista á muller para que sobreviva ás súas arroutadas de bébedo… En fin, criaturas. Criaturas coas que compartimos a nosa vida.
Composta por 16 actos, os axeitados exemplos propostos por Roberto Vidal Bolaño permítennos observar o nivel de loucura e incongruencia que rexe as nosas vidas e as dos que nos rodean. Os aparentemente simples personaxes das dezaseis historias que conforman esta obra (a dona do velo, o borracho, o suicida do quinto piso…), apoiados no estilo sinxelo e a linguaxe coloquial que Vidal Bolaño lles atribúe, permiten que o lector se decate do que o autor quere transmitir realmente.
Está claro que Roberto Vidal Bolaño é un dos autores galegos máis comprometidos co moi necesario cambio que a nosa sociedade necesita; as súas obras son auténticas mostras dos erros que cometemos día tras día. E Criaturas non se queda detrás, e se non me cren, compróbeno.

Alba Núñez Aldudo 
2º Bacharelato A

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas