O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Aínda que a data exacta de publicación do libro se descoñece, foi ese día cando Rosalía asinou a dedicatoria da súa obra á escritora Fernán Caballero.
En 1963, tres membros da Real Academia Galega (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego) presentaron nesta institución a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o "latexo material da actividade intelectual galega". Podemos afirmar, case con seguridade, que Rosalía de Castro nunca puido imaxinar a importancia que a súa obra ía ter na historia da nosa literatura nin que esa data sería lembrada ano tras ano para simbolizar o recoñecemento e a necesaria valoración dunha cultura, dunha lingua e dun pobo. A institucionalización da celebración do Día das Letras Galegas abriu a porta ao coñecemento e ao recoñecemento de figuras da nosa literatura.
Este ano o escritor homenaxeado é o chairego Manuel María. No día grande da nosa cultura recollemos un fermoso legado onde o poeta reflexiona sobre o poder e a transcendencia da poesía.
Feliz Día das Letras a todos e a todas!
Un poema é un ser vivo que anda,
respira, soña, chora, salouca,
ama, berra, cintila, escurece,
cala, aborrece a mentira,
sente odio e tenrura, desángrase,
fala de intimidade a intimidade
coas cousas e coa xente, suxire
mundos posíbeis e imposíbeis,
sua, cansa, sofre sede e fame,
adoece, agoniza.
E nunca morre.
A luz resucitada (1984)
Ningún comentario:
Publicar un comentario