O pasado luns, 23 de maio, os fendetestas visitamos aos Piratas do Eo, nome do club de lectura do IES Enrique Muruais, de A Pontenova (Lugo) . A xornada, coa que completamos o encontro entre clubes deste ano, estivo repleta de actividades e resultou moi satisfactoria no referente á interacción entre os rapaces dun e outro instituto.
Despois dun acolledor recibimento por parte do profesorado do clube e da dirección do centro, poidemos celebrar un encontro coa escritora Sabela Núñez Singala, profesora nese instituto. Dado que os fendetestas lemos a súa novela O agasallo de Anya, o diálogo con ela resultou moi proveitoso, non só pola experiencia literaria, senón tamén pola sinceridade do seu discurso e a solidaridade dos seus proxectos.
Xa no patio do colexio os piratas tíñannos preparada unha curiosa carreira de coches-globo que deixou boquiaberto a máis dun!
Despois tocou camiñata polo pobo, para ver o Museo da Pesca (por esa zona péscase xa salmón) e os Fornos para fundir ferro que tanta actividade tiveron na primeira metade do século pasado. Para rematar celebramos un xantar conxunto, antes de voltar a Curtis.
Unha vez máis poidemos constatar que o club de lectura abre portas que nos axudan non só a entrar no mundo da ficción, senón a percorrer camiños da realidade polos que nunca andaramos ata agora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario