19/06/17

Graduación 2017

      O pasado xoves celebramos a graduación do alumnado de Ciclos e Bacharelato. Foi unha fermosa cerimonia na que os profesores compartimos coas familias  a emoción de ver como unha nova promoción estaba lista para comezar a voar. 
      Reproducimos o discurso pronunciado por  Alicia  Seoane Freire, alumna de 2º de Bacharelato, que nos emocionou coa beleza das súas palabras.





Moi boas tardes a todos e a todas: compañeiros, profesores, familias e amigos, autoridades e demais persoas que nos acompañan.

            Se estamos hoxe aquí é porque unha boa parte de nós deixamos atrás unha longa traxectoria xuntos, non só educativa, senón tamén vital, inda que nesta última vaiamos continuar xuntos, a maioría de nós. Moitos levamos como compañeiros dende hai case 15 anos. Outros non tivemos a fortuna de coñecer os que agora son amigos ata que chegamos a este centro. Todos nós formamos parte dun día a día común no que compartimos centos de experiencias, miles de anécdotas, millóns de risas… Formamos parte dunha xeración, formamos un grupo que cando máis ou cando menos, permanecemos unidos e fomos bos compañeiros. E tampouco podemos hoxe esquecer a todos os amigos e amigas cos que algún día compartimos aula e que, por un motivou ou outro, non seguen agora tan ao noso carón.



            Agora chegou o momento dun gran cambio. Comezaremos os estudos de grao ou de formación profesional, continuaremos a preparación cara a vida laboral e cara a experiencia vital en xeral. A maioría emprenderemos o reto de vivir sen nosos pais, nosos irmáns e irmás, avós e demais parentes cos que adoitabamos compartir teito; e se ben temos ganas, todo terá lugar nun mundo no que tan só seremos un ou unha máis, un número na clase, un camiñante na rúa. Non sabe un o que ten ata que o perde, din. Por iso, grazas, agora que inda estamos a tempo, no meu nome e de seguro que no de todos: alumnado e familias, a vós, profes que nos guiastes ao longo dos cursos e dos anos, por inducirnos a curiosidade, abrirnos as mentes e conseguir o noso interese. A aqueles que nos vistes medrar dende a nosa chegada aquí, como verdadeiros ananos, ata o día de hoxe, algo máis altos, incluso un pouco máis maduros, se podería dicir. Por loitar porque saísemos adiante e adquirísemos coñecementos. Dicía Einstein que a mente humana, sen importar o adestrada que estea, non pode abarcar o universo, que estamos na posición do neno pequeno que entra a unha inmensa biblioteca con centos de libros en diferentes linguas. Vós fostes, principalmente, quen nos destes as primeiras ferramentas para descifrar eses libros e tamén quen nolas ensinou a empregar. Agora comeza todo.


            E entre ese profesorado, os máis sinceros agradecementos a todos os que, ao longo dos últimos meses, traballaron ao noso lado, sacando tempo de onde non o hai, angustiándose tanto ou máis ca nós. Persoalmente gustaríame facer especial mención daquelas profesoras (si, profesoras, que todas son mulleres, no meu caso), que contestaron correos os domingos, que quedaron tardes con nós… preocupándose polo noso futuro. Ademais, a todos eles, pedirlles perdón por posibles (ou seguras) malas contestacións ou actitudes. Tamén vós sabedes a presión á que estabamos sometidos, inda que ás veces non o xustifique.

            Por outra parte, quero facer alusión ao equipo de Dirección e a Eva, a nosa orientadora -grazas por todo-, así como ao colectivo encargado de levar a cabo concursos, certames, xornadas especiais, a nosa prezada Semana Cultural… E destaco aquí ao Equipo de Normalización Lingüística, ao Equipo de Biblioteca e como non, a Reme, a nosa profe de música.
Así mesmo, grazas a todos os que nos levastes a diversas excursións (neve, Madrid, Italia, Bruxelas, Berlín, proximamente...) e ás nosas titoras, grandes compañeiras de viaxe.
Ademais, requiren tamén os nosos agradecementos persoas como son Cris e Fina, o persoal da limpeza e os conserxes. Porque inda que non dende a aula, son piares da nosa comodidade aquí que facilitan o día a día.


            Pero os maiores agradecementos merecédelos vós, familia e amigos. Grazas a todos os que dende as nosas casas e mesmo dende o propio centro, nunca lle cortastes as ás á nosa imaxinación ou aos nosos soños, e os deixastes voar incluso máis alá do que sabedes que será posible e real. Porque iso é o que nos mantén con esperanza e ganas de loitar polos nosos obxectivos. É o que nos evita contemplar os obstáculos, esas cousas espantosas que un ve cando aparta os ollos das súas metas. E aos nosos pais, en particular aos meus, dicirlles que saiban que somos quen somos por ser vosos fillos.

            Ademais de aprendizaxe, o noso último ano aquí supuxo unha dura batalla polos nosos obxectivos, dificultada ás veces por adversidades evitables que debemos afrontar. En primeiro lugar, desexaría amosar a miña discrepancia co actual sistema educativo, mediante o que é máis valorada a adquisición de información illada que a aprendizaxe interdisciplinaria, e por mor do cal pelexamos por unha nota e non somos movidos polo que deberiamos, o coñecemento. E aproveito agora para facer o último agradecemento, este un pouco diferente, a todos os que comodamente e dende despachos traballaron tan duro para conseguir manternos coa intriga de como serían as nosas probas ata o final. Grazas, de verdade.

            Centrámonos tanto no que sería de nós, no que faríamos ao rematar… centrámonos tanto no futuro, que ás veces esquecemos que a vida non debera ser entendida como un paseo cara a ningún destino, senón que é o noso propio destino. Seguindo o consello que un día me deron, invítovos a vivir no presente e non no futuro, e a gozar cada momento das nosas experiencias vindeiras.

            Nós somos sabios, e os individuos dotados desa calidade non atopan as oportunidades, senón que as constrúen. Todos agardamos que o noso futuro se achegue o máximo posible, grazas ao noso esforzo, ao máis ou menos planificado por cada un, mais non sempre remata sendo así. É imposible vivir sen fracasar en algo. Tan só non debemos deixar de pensar en quen nos gustaría ser nun futuro, marcarnos un obxectivo, e logo, soamente procurar conseguilo, sopesando pros e contras dos nosos feitos cando consideramos estar poñendo en risco o feito de cumprir co que nós mesmo nos propuxemos. Ao fin e ao cabo, ser feliz non se trata de moito máis que de sentirnos realizados, e se cremos nese futuro é porque dalgún modo, xa existe.

            Remitíndome ás palabras de Larry Page, creador de Google sei que parece que o mundo se está botando a perder aí fóra, pero é realmente un gran momento nas nosas vidas para volvernos tolos, seguir a nosa curiosidade e ser ambiciosos. Nunca abandonedes os vosos soños. O mundo precísanos a todos!

            Grazas.


  Alicia Seoane Freire
06/2017








Ningún comentario:

Publicar un comentario

Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas