As circunstancias deste curso tan especial que estamos vivindo determinan a nosa realidade cotiá. As actividades complementarias non son alleas a estes condicionantes e vémonos obrigados a adaptalas ás circunstancias actuais. Nesta liña, realizamos unha visita virtual co alumnado de 4º ESO á exposición Galicia, de Nós a nós. Conectámonos (con algúns problemas técnicos) coa Cidade da Cultura, onde un guía nos foi comentando diversos aspectos de interese sobre esta revista tan importante para a cultura galega. O centenario da súa publicación deu pé para a realización desta completísima exposición que nos achega á realidade da Galicia anterior e posterior á Guerra Civil.
As impresións sobre a visita virtual foron moi variadas. En xeral, chamaron a atención as viaxes de Castelao e Risco, as colaboracións de Federico García Lorca, as mulleres que publicaron na revista e, sobre todo, as tráxicas consecuencias da Guerra Civil e da posterior ditadura.
Algúns dos comentarios foron os seguintes:
A charla “De nós a nós” falounos sobre a importancia e o legado que deixou todo o relacionado coa revista Nós e co grupo do mesmo nome, formado por 5 persoeiros fundamentais: Vicente Risco (director da revista), Ramón Otero Pedrayo, Castelao (director artístico da revista), Alfonso Losada Diéguez e Florentino Cuevillas.
Creo que a charla foi moi interesante porque así, coñecemos a historia da revista Nós máis polo miúdo. Os datos que me chamaron máis a atención foron o feito de que nela unicamente escribiran 3 mulleres e só unha delas fose galega (Francisca Herrera). Tamén me pareceu destacable o feito de que colaboraron autores de moita importancia como Federico García Lorca, o famoso poeta granadino.
Nuno Couso
A min pareceume moi interesante a maleta que se nos mostrou, na que Pondal gardaba todos os seus poemas de Os Eoas atados cun lazo vermello. Tamén me chamou a atención as consecuencias que tivo a chegada do franquismo para o sentimento nacionalista.
María Conde
As viaxes de Castelao e de Risco por Europa foron un dos aspectos que máis me interesou. Tamén me impactou moito a persecución sufrida polos mestres republicanos e , en xeral, o acontecido despois da guerra.
Ánxela Roca
Aínda que a revista non tiña contido político, moitos dos autores foron perseguidos ou arrestados por defender as ideas galeguistas.
Sofía Vigo
Chamoume a atención que a revista se distribuíse tamén en América e tamén as dificultades económicas que tivo a publicación.
Xiana Abad
Aprendín que Castelao viaxou pola Bretaña francesa e que este lugar lle lembraba moito a Galicia polas circunstancias semellantes da súa lingua coa galega.
Pablo López
Entre as cousas que máis me gustaron estivo a maleta de Pondal e as ilustracións que nos ensinou o guía. Tamén foi interesante saber que Domingo Fontán elaborou o primeiro mapa de Galicia.
Alba Tizón
O golpe de estado obrigou a algúns autores como Castelao a exiliarse mentres outros como Risco negaron o seu nacionalismo. No peor dos casos, foron asasinados polos seus ideais persoeiros como Aleixandre Bóveda e Ánxel Casal.
Xeila Gómez
Ningún comentario:
Publicar un comentario