24/02/22

FALANDO CON ANTÍA YÁÑEZ

   O encontro que mantivemos coa escritora Antía Yáñez non puido ser máis interesante. Falounos do seu libro O misterio de Portomarín, da historia do encoro de Belesar e de como lle cambiou a vida á veciñanza do lugar. A través de fotografías antigas transportounos ao pasado para contarnos como era a vila antes do asolagamento. Soubemos que, coa chegada do encoro, parte das construcións foron trasladadas a outro emprazamento. Pareceunos moi curioso que a igrexa  fose levada pedra a pedra  ata unha nova ubicación.

    Ademais da historia de Portomarín, a autora falounos do proceso da creación literaria. Contounos como as súas lecturas da infancia  e adolescencia influíron na escolla dos protagonistas. Tamén nos comentou que se inspirou nunha familia veciña súa para asignarlles os nomes aos personaxes principais.  Despois de falarnos de O misterio de Portomarín respondeu ás nosas numerosas preguntas sobre outros libros que ten escritos e sobre  como se iniciou na profesión de escritora. 

    Foi, sen dúbida, unha charla moi entretida na que aprendemos moito sobre  o pasado de Portomarín  e o proceso de elaboración dos libros. Rematamos esta pequena crónica agradecendo a Antía Yáñez a súa presenza no noso centro e a  súa amabilidade e atención. 







23/02/22

23 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

      Celebramos un ano máis o Día de Rosalía con múltiples actividades que nos lembran a importancia e a transcendencia da nosa poetisa máis universal.  Recollemos a proposta da AELG co lema #sementade pensamentos# e puxemos mans á obra para plantar estas pequenas flores, as favoritas da autora. A seguir a galería de fotos:








11/02/22

MULLERES NA CIENCIA: A HOMENAXE DE CURTISBIBLIO

 Velaquí como apareceu hoxe o corredor da nosa biblioteca!! Os nomes de mulleres de ciencia de todos os tempos e nacionalidades enchen o taboleiro da entrada: xa sabedes, elixide algunha e contádelles aos vosos compañeiros ao longo da semana vindeira cales foron os seus logros. Ese é o reto que vos propoñemos...

   E se alguén ten curiosidade por algún dos libros que están enriba da mesa, xa sabedes: collédeo e vide rexistrar o préstamo dentro da biblioteca. Seguro que nas súas páxinas atoparedes vidas dignas de ser coñecidas. 




10/02/22

11 DE FEBREIRO: MULLERES EN PÉ DE CIENCIA

 


    Este 11 de febreiro conmemoramos  no IES de Curtis, un ano máis, o DÍA DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA. Rendimos, con humildade e admiración, homenaxe a todas esas formidables mulleres que co seu saber e co seu talento fixeron e seguen facendo que o mundo no que vivimos sexa cada vez un pouco mellor. 

    Velaquí unha serie de enlaces e recomendacións lectoras que nos axudarán a entender mellor o que se agocha detrás dos nomes e apelidos de moitas mulleres adicadas ó labor científico. Traballo encomiable, sen dúbida, o de todas elas!

MULLERES NA CIENCIA QUE MARCAN A DIFERENZA DURANTE A PANDEMIAhttps://www.unwomen.org/es/news/stories/2021/2/compilation-women-in-science-leading-during-the-pandemic


CIENTÍFICAS CUN IMPORTANTE PAPEL NA HISTORIAhttps://isic.es/blog/conoce-a-las-cientificas-mas-importantes-de-la-historia/


PARA LER :

 Vinte mulleres. Cheas de valor. Rompedoras. De distintos séculos, de distintos países e distintas culturas. Vinte exemplos de paixón, de compromiso e de vontade de cambiar o mundo, a través da arte, da ciencia, do ecoloxismo, da astronáutica... ) 



E PARA SEGUIRMOS LENDO:  

    E se queredes investigar, baixade á zona de acceso á biblioteca e ó carón da porta de saída atoparedes no taboleiro os nomes de máis de 30 mulleres que co seu empeño por investigar ocupan un lugar máis que significativo nas páxinas do gran libro da ciencia... Deixade que a curiosidade vos invada e buscade cales son os seus campos de traballo e os seus logros: merece a pena!

   


PREPARANDO O ENCONTRO LITERARIO CON ANTÍA YÁÑEZ

 O vindeiro xoves, 17 de febreiro, a rapazada de 1º da ESO manterá un encontro literario coa escritora Antía Yáñez.  É autora de obras  como O misterio de Portomarín, Senlleiras, O misterio do torque de Burela, Be water, Plan de rescate, Non penses nun elefante rosa...  Na súa traxectoria destacan os recoñecementos en forma de numerosos premios como o Illa Nova de Narrativa por Senlleiras ou O Premio Agustín Fernández Paz pola Igualdade que recaeu na obra  Plan de rescate. 

Ao Ies de Curtis vén para falarnos de O misterio de Portomarín, unha historia que nos leva de viaxe por esa vila de Lugo que cambiou radicalmente coa construción do encoro de Belesar.

 


Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas