O pasamento de Domingo Villar é unha triste nova para a cultura galega. Deixounos o autor que deu vida ao inspector Leo Caldas a través dos seus libros Ollos de auga, A praia dos afogados e O último barco.
A novela negra ou novela policial chegou á literatura galega da man de Carlos Reigosa coa publicación en 1984 da obra Crime en Compostela. A aparición deste subxénero tivo moita importancia no proceso de normalización da lingua galega ao tempo que abriu a porta a unha temática practicamente inexistente na nosa literatura. A partir de aí foron moitos os autores e autoras que contribuíron a engaiolarnos con historias de asasinatos e de misteriosos crimes. Entre todos eles destaca de xeito especial a figura de Domingo Villar e a creación do seu orixinal universo literario en torno á ría de Vigo. A súas obras foron traducidas ao castelán, inglés, alemán, italiano, ruso, búlgaro, sueco… demostrando unha vez máis, como dixo Octavio Paz, que “só se pode ser universal dende as propias raíces”. Da súa contribución á historia da literatura galega cómpre destacar as súas magníficas tramas, a construción dos personaxes e a coidada ambientación que caracterizaron as súas obras. Milleiros de lectores incondicionais son proba deste universo especial que o autor creou.
Dende Curtisbiblio queremos unirnos ao lamento colectivo pola prematura e inxusta perda dun autor que tiña aínda moitas historias para compartir. Permanecerá connosco a través do marabilloso legado que deixou coas súas obras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario