20/05/10
Xuvia-Neda
Este libro de relatos está composto dun par de ducias de achegamentos a ese terreo máxico, de puro realista, co que Vicente Araguas asegura manter unha relación carnal. E afellas que a través deste relatorio imos vendo como o erotismo e máis a chamada telúrica van ensamblando un conxunto onde a melancolía dos perdedores canxa coas maneiras nobres de quen miran como as luces do derradeiro tranvía abren paso á ollada riba da memoria, sentimental e histórica. Personaxes neboentos xunto a outros tan certos como Marcelino, saíndo do Hispano-Argentino o verán do gol a Rusia, ou Brigitte Bardot a erguer saudades que se debruzan no río onde unha cucaña dispón un xamón no seu remate. Mentres hai quen se desfai, literalmente, entre das ponlas das árbores e o neno Fandiño en canto de facer caligrafía prefire escoitar unha historia de amor que alá foi no comboio descendente. Un libro que se move entre o real e o pintado, á metade do camiño que vai entre Norma Jean e ese homiño namorado dunha rapaza, suicida que non foi aínda. Un libro que nos fala da froita madura recollida por un autor, agora que é ano hernandino, tan “perico en lúas” como o seu conto homónimo.
MILICIANOS NA PONTE DE XUVIA (1940)
Hai un xesto destes homes na foto
tan fráxil como o tempo
no carril do tranvía.
E non engana o mauser, inservible nas mans
en posición "descansen",
e non engana a dor
presente na moura nostalxia
das dúas mulleriñas,
caminantes no fondo desta postal antiga.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Neste blog utilizamos as imaxes con fins educativos. Se algunha delas estivese suxeita a dereitos de autor, pregamos vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.
Deseño logo: shouvas
Ningún comentario:
Publicar un comentario